Estremeños en Galicia

|

Oproceso electoral divídese en precampaña, que dura case toda a lexislatura, campaña propiamente dita e resaca de resultados que, como o seu nome indica, produce dolor de cabeza, vómitos e mareos nos partidos perdedores, que no caso das europeas parece que foron todos os grandes. Entre os pequenos os resultados foron distintos e desde aquí quero felicitar a Extremadura Unida, que obtivo un grande éxito en Galicia, onde case triplicou o seu número de votos de 107 a 288. Estas cifras demostran que se incrementou o número de habitantes de aquelas terras que veñen á nosa e xa están censados e integrados administrativamente aquí, aínda que restaurantes estremeños só coñezo un e ao lado do mar.
Se algo teñen de bo as eleccións europeas é que permiten a festa dos votos e, ante a oferta de partidos, os cidadáns pode emitir a súa protesta inclinándose polas formacións máis peregrinas fronte ás agrupacións tradicionais, actualmente denominadas castas, supoño que en terminoloxía hindú, porque por aquí só coñecemos as castes de patacas.
Os dous grandes partidos impulsaron desde a oposición a formacións aliadas para vencer ao inimigo. Así os populares fixeron da Rosa Díez outra batería contra a liña de flotación de Zapatero en Madrid e contra o bipartito en Galicia, con insultos incluídos aos galaicos. Do mesmo xeito, os socialistas empregaron aos chamados indignados contra o Goberno de Rajoy. Pois cada un ten o seu resultado e o peixe pequeno comeza a devorar ao grande até que se canse, como no caso de UPyD, que parece que tocou teito nesta ocasión electoral.
Extremadura Unida segue crecendo en Galicia case máis que na súa terra, ao contrario que o BNG que non logra un solo voto nos municipios estremeños de fala galega, como, por exemplo Eljas ou Valverde del Fresno. É o que é peor, a coalición do Bloque ten menos respaldo alá, 228 sufraxios, que os rexionalistas cacereños en territorio autóctono. Menos mal que a emigración galega segue sendo tradicional e non ven as televisións españolas de modo que seguen apoiando aos tres grandes partidos e só se colaron os animalistas como cuarta forza política. Xa se sabe que os autóctonos non somos moi amantes de touradas e unicamente sacrificamos animais para comelos.
Outra curiosidade é que o Bloque tampouco alcanza grandes resultados nas súas zonas de peregrinaxe, como no Bierzo, onde tamén son superados polos de AGE e os seus colegas de IU, do mesmo xeito que en terras de Zafra, alá pola Estremadura. Mágoa que Elpidio Silva non tivese tempo de saír máis nos faladoiros televisivos, senón tamén teríamos ao xuíz largando por Europa. O que parece claro e que catro ideas repetidas, algo de populismo e tres parvadas en horario de máxima audiencia dan votos.

Estremeños en Galicia