XULIO

Xulios haberá moitos, eu mesmo tivera un profesor de debuxo (e xa vou entrando na materia de hoxe) chamado don Julio, mais para mín, o Xulio por antonomasia, non é outro que Xulio López Valcárcel, dilixente colaborador deste xornal. E cito hoxe a este Xulio porque teño á dereita, no cuarto onde traballo, un cadro pintado por el. Que chegou a min, a través dunha mensaxería chafulleira, co cristal escachado. Xa está en condicións, e agora son feliz ollando de esguello a súa sinfonía de tons ocres, cunha paisaxe rural, onde creo percibir un rueiro sosegado, con árbore a brillar nun verde mol e a parede do que pode ser alpendre ou camposanto. Non sei.


Mais do que estou certo é de que Xulio é, ademais de sobranceiro poeta e escritor todoterreo, un pintor moi considerable. Non o único na literatura galega. Que Ánxeles Penas á parte, pintora profesional (e poeta boa), eu sei de Pepe Cáccamo e Cesáreo Sánchez Iglesias. Dos que teño na casa senllas obras do meirande interese. A relación arte-literatura ven de vello. Eu dera a coñecer na revista “Leer” os poemas inéditos do vello amigo Manuel Viola. E Picasso e Dalí deixaron mostras das súas querencias literarias.


Eu ando tamén a voltas cos meus primeiros mamarrachos (ou “moharrachos” que dirían os clásicos). De momento pintei un óleo: “Naranjito selvaxe”. Para min. Agora pinto, a petición, “Naranjito benemérito”.  De momento pinto a mona. Xa iremos vendo. Xuliño, obrigado.

XULIO

Te puede interesar