OUTRO PARTIDO NACIONALISTA

Como estaba previsto naceu o domingo pasado unha nova organización política nacionalista galega. O pequeno grupo do Encontro Irmandiño de Beiras escenificou no Palacio de Congresos de Santiago a ruptura e saída do BNG, do que formaba parte. Para iso, e para faceren máis vulto, quixeron contar coa presenza das moitas persoas ás que convidaron da frente nacionalista e de fóra dela. Foi unha das consecuencias dos resultados adversos, e para eles inesperados, da coalición formada por esta corrente e a de +Galiza para a Asemblea Nacional do BNG de hai dúas semanas. E tamén das desavinzas e guerras internas que se desenvolveron arreo na frente nacionalista nos últimos anos, de xeito principal pola ocupación do poder.

O partido hexemónico no BNG, a UPG, e a grupo de +Galiza, no que se integraron os sectores que apoiaban a Anxo Quintana, coas súas diferenzas ideolóxicas e estratéxicas, entendéronse desde a anterior AN, na que quedou fóra da executiva o EI. Mais aumentaron os seus desencontros cando Aymerich, de maneira repetida e incondicional desde o fin do bipartito, quixo impór a súa candidatura á presidencia da Xunta, idea coa que a UPG non estaba de acordo. Alén diso, en Beiras, a partir de deixar de ser o portavoz e candidato hai unha década, ao aumentar a súa marxinación interna, foi crecendo o descontento, e as ganas de voltar ao Parlamento galego. Comezou a manifestarse durante os anos do goberno bipartito da Xunta e, sobre todo, despois das eleicións autonómicas, con aquelas declaracións explosivas o día posterior. Aymerich e Beiras, o EI e +Galiza, esperaban conseguir os seus obxectivos na AN, deixando ao primeiro de candidato e ao segundo de portavoz.

Ao anterior hai que engadir o descontento dalgúns membros con ambicións políticas das bases destas dúas correntes, ao entenderen que os postos institucionais e os orgánicos, coa estrutura do BNG, os collen sempre maioritariamente os militantes da UPG, para viviren e logo estableceren un aparato eficaz e imbátibel. A base deste dominio constitúeno os liberados dese partido na CIG e un núcleo forte de poder das poucas persoas que dirixiron sempre o partido desde o seu secretariado político, sen modificaren en trinta anos os principios organizativos.

Por tanto, máis que diferenzas políticas entre os afiliados e grupos do BNG, que as hai, ou distintas visións da prática institucional ou orgánica, que tamén existen, os problemas e guerras internas da organización frontista, radican nos enfrentamentos por mor das razóns devanditas: personalismos e ambicións desmesuradas, e unha visión en exceso pragmatista e burguesa da política como posibilidade de promoción profesional puntual ou de por vida. Cousas comúns en todas as organizacións políticas institucionalizadas, embora que no caso do BNG chegan aos medios, pois moitos fan uso deles como apoio nas súas guerras internas. Demostración de que priman máis os intereses persoais ou de grupo que o respeito á organización. Beiras apresenta polo de agora un modelo difuso e interideolóxico, unha especie de Bloque bis, mais sen a UPG. Se o común denominador vai ser socialdemócrata e galeguista, non contarán con moito espazo eleitoral. Trátase dunha proposta arriscada e a destempo, dez anos tarde, e pola crise nada nunha conxuntura desfavorábel.

OUTRO PARTIDO NACIONALISTA

Te puede interesar