O DERRADEIRO MISTO

|

Lembro que de pequeno sempre pareceume especialmente tráxico o conto da pequena vendedora de mistos. Esa meniña vendendo a súa humilde mercaduría na rúa, prendendo os mistos un a un para combater o frío e a morte como “feliz” desenlace. Estou case seguro que todos quereriamos salvar a unha criatura como esa, sen culpa, so a pobreza.

O certo é que dentro do que hoxe podemos denominar sectores en risco de exclusión social non son as tenras orfas o que máis abundan, tamén as hai, mais sen dúbida nunha sociedade como a nosa son outras as vítimas que máis atopamos. O sistema non xera inocencia. Dende ben pequenos son moitos os reclamos que semellan querer apartarnos dos camiños virtuosos e aínda que eu non son moi partidario do mito do bon salvaxe certamente o noso entorno, competitivo, consumista e hostil axuda a potenciar aqueles aspectos menos reconfortantes do ser humano.

Entrar no ronsel dos erros é sinxelo. Isto vén á conta do cada vez máis estendido costume de realizar un test moral naquelas persoas que son susceptibles de recibir un apoio. Cada actividade solidaria semella que nos da dereito a xulgar as accións que deron lugar a unha situación desesperada. Todos tivemos erros e agardamos un perdón, incluso en moitas ocasións o recibimos. Períodos como o actual sirven de viveiro ás máis variadas formas de discriminación e sempre hai quen está moi disposto a aproveitarse da situación.

O DERRADEIRO MISTO