A loita obreira colle pulo en Francia

A protesta contra a reforma laboral en Francia foise consolidando, tanto pola súa permanencia no tempo (máis de dous meses), como porque cada vez envolve sectores máis amplos da poboación. A mobilización quere impedir que se aprobe unha reforma regresiva que precariza as relacións laborais, resta poder á negociación colectiva, individualiza as contratacións e debilita os sindicatos. A forte oposición social coloca o Partido Socialista diante das súas contradicións ideolóxicas, como nunca antes. Segundo as enquisas, un 70% da poboación está en contra da reforma laboral, e só un 16% dos franceses/as confían en Hollande.
A mobilización está dinamizada pola central sindical CGT, que arrastra outros sindicatos menos combativos ou menos importantes, polos estudantes e polo movemento de ocupación de prazas Nuit Debout, que algúns consideran un xeito de 15-M á francesa. Mais o que lle dá fortaleza á protesta, para alén das mobilizacións masivas de traballadores/as e outras camadas populares, son as folgas sectoriais, por exemplo, as que afectan ao sector da enerxía ou transporte. O movemento sindical francés aposta historicamente pola continuidade no tempo (paros e mobilizacións), máis que por un día de folga de todos os sectores produtivos. Todo indica que como elemento de presión é moi eficaz xa que repercute moito na actividade económica. 
Por último, destacar algúns aspectos do conflito. Trátase da segunda economía da UE, polo que impedir a reforma sería un atranco importante no proceso de globalización neoliberal que quere impoñer Bruxelas. A oposición carece dunha alternativa política forte, polo que pode ser recuperado en parte polo populismo de extrema dereita.
A postura do Partido Socialista, como a de Syriza en Grecia, amosa que hoxe a socialdemocracia é a perna esquerda do sistema, ou sexa, representante dos intereses do gran capital, distinguíndose só polas formas, e por asumir algúns dereitos individuais (aborto, recoñecemento da diversidade sexual, etc.). Asemade, as protestas en Francia alentan a mobilización contra a reformas laborais e sociais, e os tratados de libre comercio, no resto da UE.

A loita obreira colle pulo en Francia

Te puede interesar