Iso non é un invento de agora, pois hai xa décadas que che venden calquera cousa por teléfono ou internet e, seguramente, desde empresas que consisten nunha mesa, cunha cadeira, un ordenador e un teléfono. Mais despois da actuación deste virus “monárquico”, xa se albisca a posibilidade dunha grande expansión deste tipo de traballo, que presenta multitude de vantaxes para os empregados, para as empresas e para o sistema enerxético en xeral. Pensando só no aforro en gasolina que supoñen os millóns de viaxes diarios dos empregados, desde a casa ata a fábrica ou a oficina, o cálculo mundial en euros ou dólares acadaría cifras astronómicas. E por riba, baixarían os accidentes, a contaminación do aire e, tamén o tema das enfermidades, tanto respiratorias, como nerviosas, polos atascos de tráfico. Claro que sería como unha especie de confinamento, pero que se podería compensar con xornadas de traballo máis cortas. Din que isto é o que se nos ven enriba. A min xa non, claro.