De presións e resistencias

Dende sempre, a Presión é o resultado de relacionar a Forza coa Superficie, e pon en evidencia a fortaleza ou a debilidade das estruturas. Dende ese exercicio de presión, constante, sobre Pedro Sánchez, exercida dende todos os ángulos posibles, sen deixar libre un centímetro de superficie, podemos concluír que Sánchez é do tipo coñecido coma aceiro para buques. ¡Meu pobre! E resiste uns ataques sen precedentes. Sánchez fará ben en protexerse de todos os fogos, especialmente do fogo amigo, que ten posto o automático, e dispara en público, en privado e ata nas tertulias de toda clase e condición. Algúns dos que foron, in illo témpore, algo no partido retornan aos micrófonos dos medios, anunciando catástrofes se houbera, finalmente, un pacto con Podemos. 
Todos estamos no noso dereito a opinar, e presupoñemos que todos queren aportar solucións en positivo. Pero penso que algúns están manexando esta situación, coas mesmas claves de fai 40 anos, de cando todo estaba aínda por construír. E o que serviu para un tempo, non ten carácter universal, nin necesariamente serve para todo, como se fora un comodín. A realidade que vivimos, parte dunha democracia consolidada, e non dunha por construír. E non debemos ter receos a pactos dende a diversidade, cando temos un aglutinante ideolóxico básico, dende o que edificar a nova realidade política en España. Hai que modificar aspectos da Constitución, da cuestión territorial, optimizar a xestión dos recursos públicos e recuperar dereitos. E a cidadanía quixo que isto se fixera dende a suma de forzas, non dende as maiorías. O lamentable sería, que non foramos capaces de facelo.

De presións e resistencias

Te puede interesar