No mundo no que me movo ser distinto, orixinal, é un gran valor. Pode ser que isto condicione a miña visión do asunto pero non podo encontrar grandes virtudes na uniformidade das maneiras de pensar ou vivir. Defendo a liberdade individual, a que nace do respecto á diferenza. Un non necesita atacar os valores alleos para demostrar que está seguro dos seus. É doado sinalar aquilo que non nos gusta dos demais, moito máis difícil encontrar o que nos é común. Malia iso vexo grandes esforzos en remarcar o que cada un entende como “normal”. Cuestión que non é outra cousa que a situación á que estamos afeitos, o terreo de confort no que moitas veces nos educaron. Non son moitas as aventuras que nos quedan aos seres humanos nesta sociedade actual. Poucas son as que podemos vivir dende o salón da nosa casa pero realizar un pequeno esforzo de empatía, poñerse na pel do outro, pode ser un saudable exercicio de crecemento persoal.