En Portugal está o noso condado

|

Viaxar a Portugal é vérmonos, a un tempo, espellados no onte e no mañá. É pagar as taxas de extranxeiro sen nos sentir tal. É ollecer por tudo o que fomos e rabear polo non ser. É poder ler e viver sen mudar tua lingua. É ceivar da aldraxante tutela do español. É non ter que exercer de traductor simultáneo. Porque no portugués  há un galego agachado ou ás avesas. Por iso é que viaxar cabo dos irmaos de alenmiño ten un pouco de acedume señardosa. Eles, alomenos, semellan agardar polo Sebastião e nós, os galegos, levamos a bandeira oficial do cálice desarmado como se o vento da tolemia, tan ben estudado por Quintanilla, teimase cara o suicidio colectivo. En  Portugal está ainda o noso condado. Alí durmiña a promesa do que podemos chegar a ser como Nazón independiente, arredada da Castela.  Está viva a cabeza tallada do Mariscal!
Andava eu a matinar nisto mentres louvava o Museo das marionetas de Porto, ben  visivel aos visitantes na vedraña Rúa das Flores e lembrava a aqueloutro esquecido das institucións e acornellado nun edificio marxinal de Lalín, con muitas mais marionetas e monicreques do que o de Porto, incluidos os da tradicional Barriga Verde e ao cárrego dun apaixoado que coidava da nobre arte dun xeito altruista. 
Abraia matinar a potencialidade derramada desta arte para as crianzas e também o labor pedagóxico e lecer que cumpriu e podería cumprir para os adultos tan resabiados de tecnologías ponta. 
A criatividade insubmisa dos titiriteiros viva. Porque se os debuxos animados pertencen aos miolos do mercado global clonado, os títeres, paradoxalmente, dévense á tenrura rebelde a espertar o noso afán de xustiza e a nosa inocencia primixenia. Por iso é que as institucións prefiren conservarlos nos museos en feitío de cultura morta.
Salvando as distancias, pois que estamos na segunda cidade de Portugal após Lisboa, Porto ben podía ser Betanzos, o dos Cavaleiros. Esa cidade medieval apertada polo Mandeo e o Mendo nas vizosas terras do viño, como aperta o Douro ás terras irmás. Cando Galiza foi Reino, cando tiñamos nazón e lingua, Betanzos estava no camiño de ser un Porto. 
Como sería Betanzos hoxe de non sermos conquistados polo imperio español, ese que non contento de nos submeter, deu en nos marxinar de costas a un futuro que viña polo mar? Tudo isto beilava no meu maxín ao baixar do metro en São Bento e ficar alampada polo beleza dun casco histórico senlleiro, ben conservado nun pálpito arrebatado como o do Stendhal en Florencia! Tiñame pasado ao ver, de socato, a praciña de Betanzos no castro onde, en tempos, agromou a cidade de vide e pedra. Hoxe o casco histórico betanceiro segue a se derramar perante o abraio dos turistas e o esquecemento criminoso do Concello e da Xunta. Tal é así que se en Porto padecemos a síndrome de Stendhal no esvaecemento pola beleza, en Betanzos sentimos a síndrome de Fraga pola derrama da Cidade da Cultura co financiamento da cal  teriamos recuperado tudos os cascos históricos da Galiza e a meirande parte dos monumentos prehistóricos.
Mas en Porto também souberon conservar as livrarias, sobre tudo as de libro vello e usado. Há que ter mais lecer para pervagar entre os andeis e papeis de amarelo onde unha moza anda subida polos cumiais na procura dun Teixeira de Pascuais, un Pessoa ou ese portugués  tan galego que é o meu amado Miguel, o Torga!
Nas cidades galegas non dou atopado estas regalías de livrarias. En Mondoñedo, a terra de Álvaro Cunqueiro, non o de Campos, tiven que rifar cun livreiro de par da catedral porque me proibía tocar a mercadoría. Pretendía que mercara o livro polo forro! 
En Compostela, boto de menos a livraria González acubillada so dos soportais da Rúa do Vilar. Caso a parte fía a Lelho&Irmão. Há cinco anos entravamos de balde anque xa estava tan atustullada que non era boa de ver. Mas este ano o fenómeno Harry Potter fazia da sua visita unha longa peregrinaxe á que renunciei. O mesmo que na Torre dos Clérigos, onde os españois, amoreados nun amoado de souvenir,  se gornecían da chuvia. Era triste ver a Pessoa, tan isolado en vida, arrodeado dun fato de prosaicos lacoste e nike que o mais perto que estiveron da sua poesía  foi ao esguellar a rolla dunha botella coa faciana dun esmacelado home de bigodiño mouro tocado de chapeu.
Mais que valor é que ten o coñecemento nun mundo de isolados tolos, non lúcidos como o poeta, nun mundo onde a golpe de tanxelo en google podes crer que o sabes tudo sen arrepiar sequer? Un mundo sen atrancos nen caleixas, onde tudo acontece segundo o programado, un mundo de autómatas que representan a grande traxicomedia de facer como que tudo é fresco e bravo e que as cousas e as persoas polas que transitamos a penas están para nos entreter.
Porque incluso en Porto, procurando a limia do antigo reino de Galiza, nunha cidade que soubo  medrar sen se allear, incluso en Porto, a globalización despersonaliza.
Por ventura aínda fican mozos portugueses irredentos como Marcos, que ainda traballando nunha franquicia hosteleira onde há que andar a tudo filispín, rapiñou no tempo para compartilhar lembranzas da sua estadía en terras ourensás traballando a educación ambiental nas crianzas. 
E tudo iso entremedias dun pedido no outo do Hospital São João, alí onde cada noite uns galegos,  saiamos do escurelo do metro como xurdidos do ventre da enorme serpe dourada, de aló embaixo, so da Ponte de Luis I, na húmida Riveira por onde entravan e saían os rabelos.

En Portugal está o noso condado