O ALGARVE

Coloquei o meu coche cara abaixo e deixei ca forza da gravidade fixera a súa función. E baixou, baixou... ata chegar ao linde do mar, ao bordo duns escarpados cantís que impresionan polas súas formas esculpidas polo mar perante milleiros de anos. O coche detívose no Algarve ao caron dese mar que tanto navegaron os excelentes mariñeiros portugueses. Non era a primeira vez que me achegaba por aquí, pero a sensación estimulante seguiu sendo nova a pesares de que non observei moitos cambios dende a miña anterior visita. Instalámonos en Carvoeiro, unha fermosa e tranquila vila mariñeira, se é que se pode chamar tranquila a unha localidade costeira no mes de agosto onde o turismo ven de ser a columna vertebral  do devir deste pobo que depende fundamentalmente da xente que o visita, e nós formabamos parte dise grupo foráneo, variopinto e numeroso. O mesmo doutra volta achegámonos no inverno para ver  a diferenza no mesmo escenario entre a troula- en realidade aquí sustentable- e o sosego
Carvoeiro atópase na metade do camiño entre Portimao e Albufeira mesmo no centro da costa do Algarve onde o Atlántico ofrece excelentes praias que son un reclamo para moitísima xente que se deixa caer por aquí nesta época do ano, maiormente ingleses que atopan nestes lares un lugar idóneo para o lecer, un lecer tranquilo afastado dos follóns que soen montar algúns dos seus compatriotas noutras latitudes onde o estímulo etílico, co incentivo dun  prezo moito máis barato, soe ser unha constante na troula estival. Non, quí predomina ise turismo de família cuxo obxectivo céntrase máis en gozar da praia que de obter bebidas alcoholicas a baixo prezo para deixarse caer nos brazos de Baco e perder así o control, cousa que, como dixen, soe acontecer a miúdo noutros lugares da costa portuguesa e española, pois ambos paises basean a súa economía fundamentalmente no turismo e onde impera certa permisividade nalguns comportamentos que non están precisamente encadrados nas normas básicas dunha normal e tranquila convivencia.
O pobo de Carvoeiro esta estructurado para exercer o seu cometido, e dicir: ofrecer servizos aos visitantes. Hai unha morea de urbanizacións para o aluguer de apartamentos e un sin fin de establecementos de hostalería onde pódese degustar os pratos típicos de aquí como son por exemplo: o polo ao “piri piri” ou as sardiñas asadas que malia ter moito predicamento na veciña localidade de Portimao, extenden a fama ata Carvoeiro, unha vila mariñeira da que aínda non vin partir nin chegar ningunha embarcación de pesca quizais porque os pescantíns viron nas acividades relacionadas co turismo unha forma de vida mais levadeira ca dura tarefa da captura do peixe, e así vense por todas as rúas do pobo un sin fin de tendas que ofrecen aos visitantes unha morea de obxectos de recordo que van dende o famoso galo ( frango) de cerámica portugués ata  camisetas da selección portuguesa co nome de Ronaldo nas costas: unha feira permanentemente aberta, imaxino, perante toda a tempada de verán. Os bares e restaurantes anuncian retransmisión de partidos de fútbol da liga inglesa xa que son os ingleses os que mais se deixan caer por aquí, e polas rúas escoitase maiormente falar na lingüa de Shakespeare, idioma no que se defenden estupendamente os portugueses que nos adiantan de largo   aos españois neste mester. E logo imos presumenido...non sei de que. Estes días na praza da vila hai música en directo e os cantantes portugueses interpretan cancións en portugués e tamén nun correctísimo inglés. Malia a todo iso, aos  galegos, como ben dicía o noso grupo de “punk-rock” por antonomásia “Siniestro Total”,  menos mal que nos queda Portugal... ou parte del . Menos mal.

O ALGARVE

Te puede interesar