ELA NON ESTÁ

|

Recordan aquela canción de Laura Pausini que dicía algo así como “Laura no está, Laura se fue?” Pois o mesmo deben de estar a pensar os afiliados do partido socialista de Ferrol ao comprobar que Beatriz Sestayo non está na pomada da executiva rexional sociata. O castigo aos socialistas ferroláns foi moi duro, pois á capitá dos reds (ollo non confundir co equipo british) déronlle unha patada na parte traseira de moi señor meu. Por se non fose pouco, tamén quedou fóra da portavocía do grupo parlamentario socialista, que recaeu no coruñés Méndez Romeu; por certo unha nova promesa do socialismo galego. (Só leva 30 anos en política dende que comezou como concelleiro con Paco Vázquez, secretario de Estado con Zapatero, conselleiro e deputado con Touriño e agora a voz de Besteiro no Parlamento Galego). Como ven, a renovación é a carta de presentación do sr. Besteiro. Pero volvendo á bisbarra de Ferrol, a súa representación na nova executiva rexional non pode ser máis de-salentadora. O novo secretario xeral recupera a Iván Puentes, daquela fracasado exalcalde de Fene na súa primeira e única lexislatura e persoa que fracturou a unidade da esquerda no devandito termo municipal a uns límites insospeitados. Din que o actual alcalde popular, Gumersindo Galego, aínda bica por onde pasa o brillante tertuliano televisivo. A irrupción de Eva Martínez, xefade prensa de Julio Iglesias no Concello de Ares, foi a única concesión do secretario xeral ao tandem Iglesias-Sestayo, o que sen dúbida algunha demostra o castigo a un comité socialista fortemente dividido. A recente petición pública de dimisión que realizou a sr ª Sestayo á actual voceira municipal Natividad González, seguindo coa súa liña de “menosprezar” publicamente aos seus compañeiros de partido, esta vez non foi premiado pola nova Secretaría Xeral. Só a figura do alcalde de As Pontes, Valentín González, única figura emerxente dentro das maltreitas filas socialistas, pode valorarse positivamente. Sendo elixido moi novo alcalde da súa localidade, conseguíu revalidar o poder cunha maioría absolutísima, a diferenza de Míster Fene, o que demostra a súa valía na xestión municipal; e ademais demostrouno sen necesitade de “irisarritear” publicamente a ningún outro compañeiro de partido, a diferenza da lideresa.

 

ELA NON ESTÁ