Xustificación voluntaria e unha homenaxe

Alguén dixo algunha vez que escribir era un xogo ledo e divertido, mágoa non recordar o seu nome. 
Estou totalmente de acordo coa afirmación e por riba engado eu que o mellor xeito de facelo é en clave de humor, porque o humor, sobre todo si é bo, é algo moi serio e moi necesario para poder aturar as cousas deste mundo tolo que estamos a vivir.
Ven isto a conto polo que dixen no meu apunte do pasado domingo do que recibín xunto con algún parabén, que agradezo, máis dunha crítica. 
O tema é moi serio sen dúbida e eu sen desdicirme de nada do que escribín teño que aclarar que só tratei de poñer unha chisca de humor á hora de tratalo. É o meu estilo de escribir ou polo menos así o intento non sei si con moito ou con pouco éxito.
Cada quen entende as cousas como lle peta, dependendo do seu carácter, do seu estado de ánimo e si me apurades moito da simpatía ou antipatía que lle merece o escribidor, neste caso eu. 
Independentemente disto, teño que aclarar que cando escribín aquelas letras non estaba pensando en ninguén en particular. 
A miña intención era tratar do tema en xeral como xa dixen entón. Se alguén se sentiu aludido polas miñas verbas, síntoo de verdade polos que, a meu xuízo, collendo o ravo polas follas, non están de acordo co meu razoamento. Nunca é a miña intención amolar a ninguén de ningún xeito, e iso sábeno moi ben tódolos que me coñecen, os que me tratan e os que me queren.
Aproveitando esta xustificación que non desculpa, teño que engadir que o outro dia esquecéuseme explicar, por se non quedou claro dabondo, que é un erro pensar que a violencia de xénero está dirixida soamente nunha dirección. 
Por definición violencia de xénero é en termos sinxelos a que exerce un sexo, home ou muller ou viceversa, contra o outro. Soamente esta definición abondaría para xustificar o meu artigo.
Falando de humor e de igualdade entre homes e mulleres, práceme dedicar dende aquí unha sentida homenaxe a Antonio Fraguas, Forges, o gran humorista que durante e despois dos seus “forrenta” anos, a través de magnificas, polifacéticas e inspiradas viñetas defendeu a homes e mulleres contra a violencia de xénero ibérica imperante. 
Como el mesmo deixou dito, o humor é o mellor antídoto contra o machismo. Finou o 22/02/2018 vítima dun cancro de páncreas. Ao dia seguinte o xornal El País, onde traballou longos anos, publicou a súa derradeira viñeta. Descanse en Paz.

Xustificación voluntaria e unha homenaxe

Te puede interesar