Estado libre, república gallega, autonomía

|

vindeiro 28 de xuño cúmprense 83 anos da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galiza durante a 2ª República. 
O texto aprobado en 1936 recoñecía a Galiza como unha “rexión autónoma no Estado español de acordo coa Constitución da República e o presente Estatuto”. Unha das particularidades é que permitía a incorporación posterior de territorios limítrofes con características históricas, culturais, económicas e xeográficas iguais, en clara referencia ao Bierzo, á zonza galego falante de Asturias e da Seabra en Zamora. 
Foi un paso adiante histórico, porén que estaba moi por debaixo das reclamacións do galeguismo da época, xa que no relatorio presentado polo Seminario de Estudos Galegos na asemblea de concellos na Coruña, o 4 de xuño de 1931, proclamábase no 1º artigo: “Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Española”. Esta proposta non era unha novidade xa que no Proxecto de Constitución para O Estado Galaico de 1887 afirmábase: “Esta rexión eríxese en Estado autónomo ou soberano, e adopta a forma democrática republicana para o seu Goberno”. Lembremos que este texto foi redactado por unha asemblea de federalistas galegos (rexionalistas) en tempos da rexencia por María Cristina da Monarquía. 
A necesidade de reconquistar a capacidade para decidir foi alentada por sucesos anteriores, como que o Reino recobrase a plena soberanía transitoriamente, grazas ao levantamento popular durante a invasión napoleónica. 
Mais, sería determinante a eliminación do antigo réxime en 1833, rachando coa unidade administrativa de Galiza, ignorando a súa singularidade nacional. Esta foi unha das razóns para o levantamento cívico-militar de 1846. Motivo polo que Antolín Faraldo no voceiro da insurrección, chamado “Revolución”, sinalaba que Galiza era unha colonia da Corte. 
Cómpre lembrar que durante 40 anos de ditadura e represión franquista negáronse as nacións periféricas, e marxináronse súas culturas e linguas. 
Mais tamén había prexuízos nas filas republicanas. O papel que tiveron as clases populares na loita contra ditadura condicionaron a transición no aspecto social e democrático. 
Entre as conquistas estiveron os Estatutos de Autonomía, que nas nacionalidades históricas souberon a pouco. Ademais, a recuperación de competencias polo Estado mediante novos mecanismos centralizadores, a entrada na UE e a globalización neoliberal, restáronlles capacidade ás autonomías. Un aspecto grave para as nacionalidades periféricas. Daquela que a problemática sexa hoxe cuestión de debate, de conflito.

Estado libre, república gallega, autonomía