MATUSALÉN

De Matusalén (“¡É máis vello que Matusalén!” quedou como frase común para loar a idade moi provecta á que algúns arriban), admiro que chegase cáseque aos mil anos. Mais, sobre todo, que con cento setenta e moitos aínda tivese actividade sexual, como demostran os fillos que foi quen de enxedrar daquela. E outro tanto podemos dicir de Abraham, quen, viúvo de Sara, tamén moi superado o século vital, tiña tantas gañas de guerra que volveu casar, deixando media ducia de descendentes que engadir aos que xa tivera. Vale, os cálculos bíblicos poden ser que estean errados, mesmo que se trate de traducións trabucadas, mais estamos falando así e todo de xente moi competente para o asunto do trato amoroso. Ese que segundo o dito popular “no tiene enmienda”. “Os vellos non deben de namorarse” é o título dunha función de Castelao, e como tal (como choio literario) ten de ficar. Porque os vellos non soamente poden namorarse senón que o fan, e moitas veces con proveito. Se non sempre lles quedará botar man do Padre Onán, aquel que ás veces sabe máis que Don Juan, segundo Antonio Machado, un mestre en soidades.
E ao respecto lembro o que me contara un membro moi sabido da Real Academia Galega, quen de excursión pola Costa da Morte foi abordado por un vellote de noventa e pico de anos quen lle di, con cara de peniña: “Don Xosé Luís, últimamente ando un chisco preocupado. E é que, ¿sabe?, hai quince días que non fago a pera.” ¡Matusalén!

MATUSALÉN

Te puede interesar