Seica xa hai un principio de acordo entre populares e socialdemócratas europeos para dar vía libre a unha votación a prol do tratado de libre comercio Unión Europea-Estados Unidos (TTIP), no Parlamento Europeo.
As negociacións deste tratado fixéronse á marxe dos parlamentos e no máis absoluto segredo. Un debate que se adiou, con argumentos técnicos, porque non estaba garantido que fose aprobado en Estrasburgo, hai unhas semanas.
O punto de encontro entre ambas as tendencias sería a exclusión dos servizos públicos do ISDS (mecanismo de arbitraxe privados entre investidores e estados) e a aceptación das normas da OIT en materia laboral. Dise que o acordo delimitaría o nomeamento dos xuíces do ISDS, mais non exclúe a arbitraxe privada, que é o aspecto esencial deste mecanismo, xa que os árbitros proveñen de bufetes privados ou cámaras de comercio, ou sexa, que teñen unha relación directa coas empresas.
Tamén se está a negociar outro tratado de libre comercio por uns cincuenta países en materia de servizos (TISA). Neste, figura unha cláusula pola que se manterá en segredo o seu texto ate cinco anos despois de ser asinado, coa evidente finalidade de evitar a oposición social. Algo moi grave, máxime cando este acordo atinxe moi especialmente aos servizos públicos.
Entre os estados que forman parte do TISA están os que integran a UE, EEUU, Xapón, Canadá, Australia, Corea do Sul, etc. que presumen de democracia. Fican excluídos China, Rusia e o resto dos BRICS, así como os da ALBA.
Trátase polo tanto dunha nova estrutura económica en beneficio das corporacións e grandes fortunas, e que ademais persegue a finalidade política de illar as potencias emerxentes.
Por último. É unha actitude aventureira que o Goberno urxise unha votación no Congreso a prol da negociación do TTIP e, posteriormente, encargue un estudo sobre o seu impacto ao Instituto de Estudos Económicos, vinculado coa patronal CEOE. Ou sexa que o PP votou por pura ideoloxía, sen saber cales eran as consecuencias. E que lle encargue o estudo aos empresarios amosa o grao de complicidade coas clases dominantes, e a pouca relevancia que lle dá aos custes sociais.