ESPAÑA COMO PROXECTO

Asubiar un hino é, case sempre, a constatación dunha certa impotencia e falla de ideas alternativas. Mais nunca, de ningún xeito, é ou pode ser un delicto. Quizais sexa un síntoma. Un síntoma de que a convivencia plurinacional na España non desfruta de boa saúde. Como o son as opinións dunha Presidenta madrileña que, a velocidade de cruceiro, amosa querer representar á España intolerante, en certa medida para agochar as mentiras do seu déficit e os fracasos da súa xestión. Malia que, en moi boa medida, tamén, para se postular a xeito da alternativa da extrema dereita madrileña á suposta moderación de Rajoy.

Mais teño para mín que os asubios do 2012 non teñen a mesma fasquía e entidade ca os do 2009. Foron máis intensos e tiñan outra expresión. Moi probábelmente máis social e institucional ca de mera reivindicación nacional. Ou, quizais, unha mistura de todo. De fastío a respecto do fracaso daquel proxecto da España da transición, cando os nosos pais acordaron convivir co resto dos cidadáns españois, en pleno respecto á identidade, autogoberno, economía, lingua e cultura de cada un dos países do Estado e, sobre todo, construir unha sociedade inclusiva e cohesionada socialmente, no que ricos e pobres non estivesen afastados por distancias inasúmibeis e as institucións servisen á cidadanía e non todo o contrario.

E, claro, a España do crecemento sen límites e da economía onde máis cartos se podían gañar en pouco tempo, deu paso á España financeiramente afundida e ineficaz.

Á España da progresiva recentralización en Madrid, primeiro das infraestruturas, despois da economía e agora da política , que inviste 23.500 M€ en salvar o Banco que algúns (entre eles De Guindos) quixeron que absorbese Caixa Galicia, mentres os españois viven os peores recurtes en servizos sociais, sanidade e educación.

Á España dunha institución monárquica que resultou, como pouco, insensíbel cos problemas da xente común e asumiu o rol de ser a primeira abandeirada da España única. Se a isto lle engadimos a criminalización das identidades galega, catalá ou vaca a pouco máis que tenten ir máis aló do mero folclorismo, comprenderemos que España, arestora, non é, xa, aquel suxestivo proxecto en común que os españois da transición debullaron.

 

ESPAÑA COMO PROXECTO

Te puede interesar