Maldito ouro

|

O ouro ten sido desde tempos inmemoriais un refuxio recorrente para as economías. O valor económico da unidade monetaria tense taxado en termos dunha certa cantidade de ouro, cos bancos centrais dos países comprometidos en trocar por ouro o valor dos billetes. Dito sistema existiu desde o século XIX até o estalido da I Guerra Mundial. Mais a impresión de grandísimas cantidades de billetes para financiar a compra de armamento, botou por terra o aval do padrón ouro. Os acordos de Bretton Woods, unha vez terminada a II Guerra Mundial, plasmáronse na creación do Banco Mundial e do FMI, e no afianzamento do novo status quo en que agora o dólar pasa a ser a referencia padrón, ficando marcadas as novas regras comerciais e financeiras que rexerán as relacións entre os países máis industrializados do mundo. 
O territorio da Gallaecia gardaba unha importancia capital para os romanos, pois aquí tiñan achado grandes recursos mineiros e moito ouro. As zonas máis auríferas, explotadas por medio do sistema da ruina montium, resultaron ser as áreas de Valdeorras, as terras do Bolo e as Médulas do Bierzo. A ruina montium, extraordinario sistema de enxeñaría, consistía en ter que desviar a auga de ríos e outros caudais menores cara a galerías e pozos escavados en zonas arxilosas, para ir erosionando e producindo derrubamentos, e que a corrente levaba a zonas de lavado. Aquí as pebidas de ouro, máis pesadas que o resto de materiais, ficaban no fondo, até seren retidas por enxeñosos aparellos, mentres a terra restante era arrastrada até o leito do río. 
Mais tamén os romanos deran en explotar recursos auríferos doutros lugares. Estoutros xacementos xa non serán, no entanto, secundarios, isto é, produto da erosión e posterior depósito en aluvión, senón que se tratará de xacementos primarios. O ouro terá aquí morfoloxía filoniana: aparecerán filóns de cuarzo con ouro, e minerais accesorios como pirita e calcopirita. Ditos xacementos primarios podémolos localizar en zonas de cizalla, aliñamentos con mineralizacións auríferas, tal como o de Covas-Corcoesto-Santa Comba-Noia, quérese dicir, o correspondente ao que aquí mesmo, no noso Covas, foi explotado. Existe outro aliñamento en Pontedeume e outro en Tomiño, e aínda que de diferente tipoloxía, existe outro con instrusións graníticas, no Carballiño. 
O significado do topónimo Covas ten a ver co adxectivo latino Cavus ‘oca, perforada’, despois estendido a través do lat. vulgar *Cova co sentido de ‘buraco’ ou ‘furado’. Case con seguridade o nome debeu nacer para se referir ás escavacións auríferas que os romanos explotaran no seu momento no lugar de Covarradeiras, topónimo novamente asociado a esta mesma idea e quen sabe se ao verbo ‘raer’ (lat. Raedere). E é que, superficialmente, os romanos terían explotado aquí un paquete de catro filóns de cuarzo, con arsenopirita, pirita, calcopirita e ouro, posteriormente abandonado até os inicios do séc.XX, para de novo ser explotado, por vía subterránea, primeiro polos ingleses e máis tarde polos franceses, entre 1912 e 1914. A principios da década de 90 houbo unha empresa británica interesada en reabrir a mina e despois fíxoo Narcea Gold Mines. 
Ao mesmo tempo, a última destas empresas interesouse polas minas de Corcoesto (Cabana de Bergantiños), onde realizou prospeccións. Foi finalmente, porén, o grupo canadiano Edgewater quen se fixo cos dereitos e puxo en xaque a toda a contorna, coa anuencia da Xunta dentro dos seus plans industriais estratéxicos. De ter sido levado a cabo o proxecto, os problemas medioambientais terían sido inmensos, pois trataríase dunha mina de 770 ha a ceo aberto, con cinco voaduras efectuadas á semana e 1’5 t de terras a remover diariamente –a obtención de 1,6 gr. de ouro precisa da remoción de 10 t–. A cantidade de arsénico liberado (altamente nocivo e que tería que ser usado) sería dun 46 por cento, alén do cianuro para separar o ouro do resto, após moído, cuxo alto poder canceríxeno está ben demostrado, máis a necesidade de balsas de auga, co seu conseguinte perigo. A presión veciñal, afortunadamente, fixo entrar en razón á Xunta e conseguiu parar o proxecto. 
En 2003 publicabamos o relato “Ouro maldito” en Seis ferroláns. A acción transcorre en Covas (1939) e unha pebida de ouro, precisamente, tórnase no suposto salvavidas que ha de axudar o protagonista a tentar tirar do cárcere a súa esposa, presa inxustamente. O amigo fareiro dálle a pedriña de ouro e el empéñaa. Mais lonxe de remediar os seus males, todo parece ir a peor desde aquela: o fillo máis novo enferma gravemente, a lexislación endurécese e complica a situación legal dela... A pebida de ouro será desembargada e guindada ao mar polo home, santo remedio pois todo vénse a enderezar de repente. A malfadada pedra xulgáraa causante do seu mal, o mesmo maldito ouro que estes cobizosos canadianos ansiaban agora, transformando Corcoesto nun xigantesco buraco e toda a contorna nun territorio ermo e contaminado de por vida, pero que a Xunta, polo menos polo momento, paralizou.

Maldito ouro