Diñeiro haino, depende para que

Non quixera saír do contexto ao dicir que o Goberno veuse arriba cando saíron á luz os últimos datos do paro. Xa temos 31 desempregados menos. Segundo a ministra de Emprego (¿?) son datos positivos que indican que estamos no bo camiño. Poderá dicir a ministra o que queira, pero a verdade, a crúa realidade é que aínda estamos mergullados na crise e que se non cambia a estratexia seguiremos afundidos nela perante moito tempo.
Namentres isto acontece estanse a producir operacións económicas de auténtico escándalo das que aínda non está clara a relación inversión-beneficio. O Real Madrid pechou a contrata de Bale por uns case cen millón de euros e vendeu a Özil por uns 47 nunha absurda operación que so se entende polo capricho dos merengues en contratar ao galés. Móvense cifras escandalosas no fútbol, onde non hai problema en pagar a un xogador que non xoga dez millóns de euros ao ano, namentres a maioría destas entidades deportivas deben moitísimos cartos á Seguridade Social e manteñen tamén débedas multimillonarias con Facenda. Co que se lles perdoa ou deixan de pagar os clubs poderíanse arranxar moitas cousas: por exemplo potenciar o I+D.
Hai uns días escoitaba unha interesantísima entrevista que, nunha canle de TV, lle facían a unha astrofísica, unha rapaza nova que se ve na necesidade de emigrar aos EEUU porque aquí non atopa posibilidade de traballar. Falaba do desmantelamento ao que está sometida a investigación neste país, onde cada vez se inverte menos en I+D; dicía tamén que aquí levamos moito tempo baseando a nosa economía no ladrillo e no turismo e así non hai xeito de avanzar. Marcha contratada pola NASA e posiblemente ficará alá por moito tempo. É o inexorable destino para moitos rapaces e rapazas cuxa formación aquí supuxo unha notable inversión e agora vénse na necesidade de emigrar ( “mobilidade exterior” chamanlle con moita hipocrisía os responsables desta desfeita).
Centos de investigadores estanse a quedar sen traballo, moitos pescudando no tema do cancro, por exemplo, porque recortáronse drasticamente as inversións en I+D. Aquilo de que inventen outros e que veñan os turistas semella ser a nosa praxes, e así nos vai. No sector servizos, ao pasar a tempada estival, van prescindir de moitos traballadores, que de novo pasarán a engrosar a lista de paro, pero o Goberno bota peito: creáronse este mes 31 empregos fixos (¿?) froito da reforma laboral en curso. O diñeiro non se volatilizou, non desapareceu de súpeto: tan so depositouse nas mans duns poucos que incrementaron con esta crise o seu patrimonio económico dun xeito escandaloso.
Situándonos no mellor dos casos, no que non se destrúa emprego e se vaian creando 31 postos de traballo ao mes,  boten contas e a este ritmo positivo de creación de emprego traten de calcular canto tempo nos levará para chegar á utopía da  plena ocupación ou se acaso a unhas cifras de paro razoables. Uns miles de anos. Bótalle aire ao cataventos!! Como para botar peito, vamos.

Diñeiro haino, depende para que

Te puede interesar