Onte despertei na metade da noite ben desacougado por mor dun gran pesadelo. O desacougo, e o pesadelo, produciumo o espontáneo presentimento de que o 23-J, o grado de abstención vai ser moi elevado, cansada e farta como está a xente da política e dos políticos, e isto, ao meu modo de ver, beneficiaria as esquerdas, eses que agora se chaman progresistas, e que falan de cambiar o mundo. ¡Ollo cos cambios e cos experimentos!.
Eu, que non son de dereitas, nin de esquerdas, de toda a vida, non quero neste intre un goberno de esquerdas no meu país. Rexeito unha esquerda rancorosa, iconoclasta e prepotente disposta a rachar con todo o establecido, con un lider, o da coleta e do sorriso mefistofélico, deslinguado, descamisado e histriónico.
¿Como imos poñer ao fronte do goberno a un home que vai a unha merenda de smoking e a unha audiencia co rei de España en mangas de camisa? Un home con estas feituras e feitos, que non respecta as institucións nin as persoas nin as formas, non pode gobernar un país serio ¿ou é que queremos ser o riso do mundo enteiro?
Tal como o vexo eu, dada a situación actual, a mellor opción política do noso país, non pode ser outra que a moderación, un centro constituído por unha coalición PP/PSOE que, queiran ou non están condenados a entenderse representados se cadra, por outros líderes, ou lideresas, que non estean queimados.
Ás esquerdas non lles quedaría outra que facer unha oposición seria, leal e construtiva que é tamén un xeito de gobernar, esquecendo rancores e xenreiras, persoais e colectivas e pensando no progreso do país e no benestar da súa xente que é, ou debería ser, o fin ultimo de tódolos partidos.
De calquera xeito, non se absteñan de votar o 26J pero teñan coidado co que votan, non se deixen levar por xenreiras nin por cantos de serea duns e doutros, voten coa cabeza e non con as vísceras, non vaia ser que, despois de darlle tantas voltas, de tanto marear a perdiz, poñamos, como se soe dicir, o raposo a coidar das galiñas.