GASTRÓNOMOS

Tiven unha vez un irmán, un irmán maior (levábame vinte anos e millas de glamur) de Sande-Cartelle (Ourense). Chamábase Nabor Vázquez e sabía de moitas cousas, mais sobre todo era un gastrónomo de sete estalos. Nabor teimaba en me aprender os segredos da alta cociña.

Mais non pasou, comigo, dos rudimentos. Porque meu irmán Nabor, de Sande-Cartelle, morreu novo, de doenza ben cruenta, e eu fiquei sen conselleiro en tan altísima materia. Que vivimos catro días e compre darlle gusto ao corpo. Nabor, en fin, tería desfrutado con este manual da SAF, “Las recetas de los abuelos”, novo do trinque, ao que fun convidado. No que participo cunha aportación literaria que acompaña ás de Ricardo Díaz-Casteleiro e Carlos Barcón. E deixo á parte a prologuista, Cachita Núñez, singular personaxe da Porta Nova da miña nenez. Cachita, nai de vellos amigos, ten un aquel polifacético que canxa nunha urbe como a nosa aberta por razóns históricas á versatilidade. O libro que teño diante miña, con boas ilustracións e formato manexable ten moi boa cara. Como as receitas que van nel. Todo un formulario de xeitos gastronomícos nos que non facer distincións. Mais si probar algún deles. Na memoria de Nabor Vázquez, “gourmet” consumado que me pediu un día que o levase a un chinés, ver que cousa era. E cando viu aquelas cores e chilindradas botouse a rir, e dixo: “Agora xa o sei, anda, imos ao Asador Donostiarra que te convido.” Definitivo.

GASTRÓNOMOS

Te puede interesar