Máis sentido político

Unha gran iniciativa lexislativa que afecte a todos os gobernos ten que ser a de no desfacer o realizado polo anterior executivo. Cando un partido se embarque na aventura de servir aos cidadáns debe continuar en non perder o tempo en camiñar para atrás. O gabinete de Feijóo pasou os últimos anos reformando o que fixera o bipartito. Así non imos a ningún lado. Disque estaba mal ideado o que saíu da Cámara anterior e como solución, a tirar por terra o traballo feito e comezar de novo co resultado de que agora non existe nada do anterior nin do novo, enténdase o concurso eólico e a autovía da Costa da Morte: de ter algo, non temos nada. Mentres tanto, a tripulación estivo e está entretida no TAV e no chiste do parador de Muxía.

Outro tanto de lexislatura e de esforzo perdeuse na fusión das dúas caixas de aforros para que ao final a entidade resultante sexa vendida en poxa pública en Ebay, con miles de afectados polas preferentes sen outro consolo que chorar e protestar tras ser utilizados no seu día como accionistas que demostraban a confianza no eufemístico músculo financeiro da comunidade. Iso si, dispendio en galiñas azuis e en reforma de libros de texto polo asunto do idioma galego fluíron como minicentrais nos primeiros anos. Veña! Que ese era un asunto capital para calmar aos mercados, baixar a prima de risco e elevar a cualificación galaica polas axencias de rating. Parece broma, pero a poboación estivo entretida unha tempada co asunto, como se con iso se baixase o desemprego e se mellorase a sanidade.

Como sempre ocorre, os populares puxéronse a gobernar no último ano de lexislatura, con resultados que se verán máis adiante, como as negociacións con Pemex. Por unha vez un mandatario galaico no anda nas americas en busca de votos, senón coa intención de traer algo para aquí, sexa dunha forma ou outra. Está por ver se Castellano tamén conseguiu algo dos millonarios emigrantes de por alá, aínda que indo en verán por Ourense aforraba a viaxe de captura de fondos para investir na entidade que comanda.

Os nosos políticos deberían ter máis sentido de país, nación ou aldea, como se queira definir este apéndice territorial do mapa de Reino. Malgastar esforzos en tirar por terra o anterior non ten sentido. Haberá que estudar os programas de goberno, se é que serven para algo, para ver como nos deleitarán tres anos, porque por non existir nesta lexislatura pasada nin houbo grandes inauguracións nin de maquetas nin de presentacións en power point, daquelas que gustaban tanto polos grandes discursos de humorismo político con alcaldes a punto de morrer estrangulados polo nó da gravata.

Máis sentido político

Te puede interesar