O río dos sete muíños

Nace este meu río nas estribacións do Cordal de Montouto roldando os setecentos metros de altitude conformado no seu nacemento polos regatos Corredixe e Porto Nabeira. Ao longo do seu curso adoita o nome dos lugares que atravesa: Senande, Escádebas, Sete Muíños, Forxá, Ponte Veiga e Ladroil o que despois de recoller as augas do río dos Boedos desemboca no Parga, afluente case directo do pai Miño.
    O que hoxe chaman area recreativa, era hai sesenta anos soamente un pozo natural sobre o mesmo leito do río. Como na canción de Serrat, quizais por aquí xace agachada a miña nenez. Efectivamente ata que cumprín os catorce, alí pasaba co meu irmán e outros rapaces as mañanciñas daqueles veráns tan felices, alí aprendín a nadar e ata estiven a piques de morrer afogado por mor dunha calada que me dou un tolo ao que chamabamos Locomóvil.
O feiticeiro lugar dos Sete Muíños, cinco muíños e sete moas para ser máis preciso, situado a un quilómetro escaso do centro de Guitiriz, é hoxe unha área de recreo cun parque bio saudable incluído, nun entorno ideal para pasar un día de lecer, con dúas piscinas no leito do río e outra climatizada mangada no alto dun outeiro coas augas máis mornas quentadas por enerxia solar. Aquí arrinca unha ruta de sendeirismo chamada da Auga e da Pedra que, discorrendo pola beira do río, chega ata a aldea das Escádebas, uns dous quilómetros augas arriba. Natureza en estado puro, flora e fauna autóctonas, ¡que fermosura de acivros co seu froito vermello!, ¡que explosión de cores os daquel martiño peixeiro, admiración dun golpe que non sei que diaños argallaba á beira do río!. Como eixo principal do recorrido, o discorrer das cristalinas augas coa súa música eterna, augas que antes foron choiva, saraiba e neve no alto do cordal de Montouto e na serra da Loba onde, desafiando séculos, as calores do verán e as brétemas e fríos do inverno se ergue un cruceiro que domina a paisaxe toda, a cabalo entre as provincias de Lugo e da Coruña.
Aquí vos deixo o galano da súa inscrición gravada na pedra dende o século XIII: “Deste monge /oveco he de vos / oración rezare / a Joana Loade / Ave María”
A todos, ¡Feliz Nadal!

O río dos sete muíños

Te puede interesar