Mércores 27 de febreiro, partido de volta das semi finais da copa do Rei, resultado: Real Madrid 0 Barcelona 3.
Sábado 2 de marzo, partido da Liga Santander, resultado: Real Madrid 0 Barcelona 1.
O remate, a desfeita total, foi o 5 de marzo, martes de Carnaval, partido de volta da copa de Europa, resultado Real Madrid 1 Ajax de Holanda 4.
Nunha semana para esquecer, o que foi durante moitos anos o todopoderoso equipo branco é eliminado das tres competicións sobranceiras, nas que tantos éxitos acadou outrora.
Para máis inri, os tres partidos xogáronse no emblemático estadio Bernabeu, mesmo no corazón do madridismo, ante preto de oitenta mil incondicionais seareiros. Sírvalles a uns e a outros, a todos, de cura de humildade.
As consecuencias son moitas e variadas: Perda de credibilidade de xogadores, adestradores e directivos, perda de seareiros, de feito cando o Ajax marcou o seu terceiro gol, a xente empezou a abandonar o estadio, e por riba de todo perdas económicas millonarias, pódese falar sen medo a equivocarse, de millóns de euros.
Acabáronse os cheos ata a bandeira no Bernabeu; ademais das perdas de recadación dos importantes partidos da champions, que xa non se xogarán, moitos seareiros deixarán de ir ao campo aos partidos que restan da Liga, o que se traduce, como digo, en perda de ingresos.
Vaille custar tempo e traballo, sangue suor e mágoas, ao club merengue, pero non queda outra que renovarse se queren recuperar o creto perdido. Para elo volta a tolemia das fichaxes millonarias dos xogadores e adestradores de máis sona no mundo. Con toda seguridade máis de un aledouse desta derrota co gallo de aproveitarse da situación. Adestradores e mesmo xogadores de sona, afiando o lapis dos cartos están a facer contas, pensando no aforismo que di, “a río revolto ganancia de pescadores”.
Namentres, paciencia e barallar, que así dicía hai moitos séculos, en bo castelán, nada menos que Don Miguel de Cervantes Saavedra (1547-1616), o manco de Lepanto, en boca do seu alter ego, o enxeñoso fidalgo Don Quijote de la Mancha.
En calquera caso, consólense os seareiros que, como lle teño ouvido dicir ao meu pai, máis se perdeu na guerra de Cuba, tamén chamada o desastre do 98, onde se perdeu, xunto coa honra, o imperio español en America.