CUM LAUDE

Hai pouco máis dunha semana que tiven o pracer de formar parte dun tribunal encargado de avaliar unha tese de doutoramento. Aínda que, como non transcorrera moito tempo –tres anos, tal vez– desde a miña anterior presenza nun acto destas características, estaba convencido de que o seu desenvolvemento sería o que xa tiña experimentado nun feixiño de ocasións. Mais atopeime con que había un pequeno cambio, consistente en que, unha vez finalizadas tódalas intervencións, o tribunal por boca do seu presidente non pode facer pública unha cualificación superior á de sobresaliente, quer dicir a de sobresaliente cum laude. Non é que o cum laude desaparecese, como aconteceu temporalmente hai vinte e tantos anos. Non é iso, segue existindo, mais é unha instancia superior ó tribunal quen outorga a distinción laudatoria á vista das valoracións feitas por este. Non acerto a verlle o sentido a esta pequena mudanza cualificativa. O que si vexo, e palpablemente vin, é que se priva ós doutorandos e doutorandas, ós novos e novas doutoras –así como ós asistentes ó acto de defensa dos seus traballos– de coñecer in situ a cualificación obtida. En calquera caso, teño o convencemento de que a tese A poesía en galego de Xosé María Díaz Castro; estudo e edición crítica realizada –baixo a dirección dos doutores Carme Blanco e Claudio Rodríguez Fer– e defendida polo seu autor, o xa doutor Armando Requeixo Cuba –colaborador do suplemento dominical, “Nordesía”, deste noso diario–, o pasado 28 de febreiro na Facultade de Filoloxía da Universidade compostelá finalmente vai obter o cum laude que, á marxe doutras consideracións, sinceramente creo que merece. Vou contar máis unha vez que o meu primeiro contacto co nome e coa obra poética de Díaz Castro tivo lugar no ano 1972, cando cursaba o quinto e último ano da licenciatura de Filosofía e Letras (Románicas-Español) en Santiago. D. Ricardo Carvalho Calero incluía os versos de Nimbos na relación de obras de lectura obrigatoria na materia de Literatura Galega Contemporánea, daquela optativa. O descoñecido –cando menos para min– poeta chairego facía unha poesía ben distante da de carácter social tan vixente nesa altura, con Celso Emilio como figura máis destacada. Curiosamente, nas obras de lectura fixadas polo profesor Carvalho non figuraba ningunha do de Celanova. Tempo andado, concretamente en 1995, fun membro do xurado do premio convocado pola Fundación Caixa Galicia e o diario lucense El Progreso, ese ano dedicado a galardoar traballos sobre Díaz Castro. Obtivo o premio o titulado A ascensión dun poeta, da autoría de Alfonso Blanco Torrado. Recordo que cando tiven a pracenteira satisfacción de ler esta monografía tirei a conclusión de que non moito máis era o que habería que dicir no futuro sobre o poeta de Vilariño, dos Vilares. Canto me trabuquei. O resultado da  investigación realizada por Armando Requeixo excede en moito a que daquela realizara Alfonso Blanco. Son traballos obviamente diferentes. Desta volta penso que non errarei se repito que pouco máis haberá que contar de Díaz Castro, se exceptuamos algúns aspectos puntuais e, sobre todo, un estudo máis demorado da súa obra de creación en español e das numerosas traducións, literarias e non literarias, de diferentes idiomas que realizou ó longo dos seus setenta e seis anos de vida. De momento temos ó noso dispor unha excelente edición da súa poesía en galego que reúne 217 composicións, isto é case sete veces máis poemas dos 32 que se recollen en Nimbos. Polo que sabemos unha moi boa parte destes materiais van ser publicados a curto prazo para deleite dos estudosos e/ou amantes das nosas letras. Como galegos de ben debemos ser conscientes de que o pasado día 28 tomou carta de natureza unha outra investigación da que debemos sentirnos orgullosos. Anotar, a xeito de conclusión, que na súa intervención a doutora Aurora López, Catedrática na Universidade de Granada, aproveitando que Carvalho Calero fora un dos principais valedores da obra de Díaz Castro, suxeríu que habería que lle dedicar tamén o Día das Letras. A ver se a suxestión non cae en saco roto e se fai dunha vez realidade. Niso andamos moitas e moi variadas xentes.

 

CUM LAUDE

Te puede interesar