Festa da paella

Un que é moi dado a ler a literatura popular escrita en carteis, anuncios e calquera outro modo de letras impresas e pegadas en paredes, potes ou sinais de tránsito, no deixa de asombrarse cando por estas datas de estío afloran festas gastronómicas en cada tribo galaica, porque é que hai de todo e cada cal máis curiosa que a outra. O que tratan os veciños é de encher os sábados de agosto para que os turistas se vaian satisfeitos para a meseta, de tal modo que se sacrifica a gastronomía local en beneficio da internacional.
Celébranse degustacións de produtos típicos autóctonos do máis curioso, como a do arroz en paella, preparado galaico con máis antigüidade que o lacón con grelos, parece ser. Pois parece ser que unha agrupación xa leva seis anos exaltando este preparado valenciano para delicia de visitantes madrileños e doutras terras de por alá. Descoñezo cal é o éxito de tal iniciativa, pero parece que lles gusta e agardo que poñan unha gaita a tocar mentres o mestre paelleiro acondiciona o preparado.
Outra que me chama á atención é a exaltación do lagostino. Quero pensar que os degustadores que se dan cita saben da riqueza das rías galaicas deste crustáceo e da súa cría en bateas porque se non é complicado de entender o éxito destas festas de comer, onde creo que só o pan , de habelo, é de fabricación autóctona a non ser que se coma con preparado de molde, que de todo hai.
A festa gastronómica que xa disparou as miñas alertas é a das gambas á prancha. En fin. Non hei perder a edición deste ano para ver como se desenvolve, aínda que as racións sexan a cinco euros, porque xa vivín unhas xornadas gastronómicas de pizza, salchicha e hamburguesa. E non é broma. Descoñezo se existe a da ensalada rusa, pero habería que facerlle unha homenaxe porque durante moitos anos era a única tapa, xunto coa tortilla de patacas,  que reinaba nos bares, anunciada en dubidosa caligrafía.
O único que salva a Galicia dos desastre culinario é que os europeos do norte e os británicos aínda non coñecen estas terras e o barata que está aquí a bebida e os grandes macrobotellóns que comezan por san Xoán, continúan no festival de Ortigueira, na romaría viquinga, na carballeira de Zas, nos Caneiros de Betanzos e finalizan, máis ou menos, na subida ao río Eume. Entre borracheiras os visitantes dispoñen todo o verano para encher o estómago con produtos das terras e dos mares galaicos como os espárragos, os cuscús ou o peixe globo. Cuestión de tempo.

Festa da paella

Te puede interesar