FE

A Antía,
que hoxe celebra os oito.
Felicidades, Amor.


Por moita fe que tivéramos o señor Rajoy e o seu equipo de actores acabounos con ela. E por moita que teña o señor Presidente, os seus ministros conselleiros e asesores en crer ver brotes nas árbores secas e luces ao final do túnel que atravesa España de norte a sur e de leste a oeste, vivimos nunha situación dramática.
Sen dúbida, dramática é a situación dunha gran maioría de españois. Namentres teñamos o 26% de parados, moitos milleiros de persoas pasando fame e vivindo grandes inxusticias sociais. Cando incluso enfermos crónicos e graves teñen que elixir entre comer ou medicárense, don Mariano, a súa fe ou crenza absoluta non os alimenta, non lles consigue traballo, nin lles administra medicamentos.
Certo é que á boa fe todo medra. Principalmente as contas en Suiza e noutros paraísos, os palacetes, palacios, residencias señoriais, coleccións de arte, iates e coches de luxo, gastos malgastos e dilapidación do tesouro público e dos bens comúns do pobo. Abofé que á vista está, señores e señoras que nos malgobernan…
E eu parveando coa causa-cousa-amor: Resucitar sería volver a amarte. A mirar novas lúas e as flores da primavera, ou as follas de outono caendo das árbores das paradisíacas terras do Courel. Sería escoitar as ondas que noite e día baten nos ergueitos e impasibles cons da sempre viva Costa da Morte.
Sería recibir e saborear aloumiños e bicos de nai. Ser feliz! Que infeliz, cando no silencio dos meus pensamentos imaxino as inacabables listas do paro, os nenos pasando fame, frío e calamidades mil, por culpa da avaricia dos que nunca se dan fartos.
E vexo, nos meus soños, dúcias de pateras á deriva. Emigrantes que fuxen da fame, da inxusticia e da explotación dos amos e dos gobernos insensatos que só defenden o deles.
Vexo cadáveres vivintes que inda non afogaron, pero que están a piques, e non hai quen lles lance un salvavidas.
Volve pronto Amor, as noites sen ti son unha tortura, e durmo mal e soño, mira ti, que un tolo investigador científico, por accidente ou por casualidade atine cunha vacina “amatorius”, vacina coa que vimos agardando dende milenios atrás, para curar as doenzas que produce o odio, a envexa, a avaricia, a prepotencia, a maldade, a indiferencia, e as picaduras das ratas de sumidoiro.
E sigo na horta sen ver as verzas, mentres escoito e ás veces falo cos paxaros. Os meus netos dinme se non estarei tolo porque me entendo cos paxaros na súa fala de asubíos, trilos e rechouchíos. O de tolo puidera ser, cando menos un pouco, e quen non estivera algo nunca saberá o que é a cordura.
Ás veces fálolles na lingua ou linguas das persoas e coido gustan do meu falar. Eso si, sempre con voces suaves ou arremedando os seus melódicos sons. Ás vesces xunto preto de min diferentes tipos de aves. Non é de estrañar pois que a miña neta máis pequena diga que estou tatarí. Cantas veces o loco se cre cordo e o cordo recoñece a súa locura!!
Tódolos veráns comparto con eles froitas e hortalizas. De cando en vez pillamos boas enchentes, que non sei como algún día non nos dá unha diarrea de sete estralos. “O que hai en España é dos espoñois” e “Deus dea a figueira e nós á beira”, deben pensar nos seus pensamentos de paxaros, como tamén pensan miles de humanos-corruptos deses que proliferan neste país.
Aos paxaros animais nada lles choro, nin nada lles penso reclamar namentres me deleiten cos seus trilos condensados en suave e leda melodía. E cumpren coa súa palabra de paxaros, que xa quixéramos ter as persoas.
Aos paxaros de traxe e gravata pídolles que reintegren ao pobo o que nos roubaron (cos réditos actualizados) e paguen ante a xusta xustiza os seus delitos.
Os meus netos tamén me preguntan como é posible que en España haxa tantos ladróns, estafadores e corruptos, e como é posible que haxa tantas desigualdades económicas e sociais. Eu calo, non podo contestarles, mellor dito non quero. Falo cos meus adentros facendo a mesma pregunta: Como é posible?
Non se decatan, señor Rajoy e compaña que con esta política de arrase ao pobo traballador e con tanta pobreza e desigualdade deixa atrás indefensos a moitos millóns de españois.
Non se decatan que con tan descarado desprezo están conseguindo recíproco sentir…Como imos ter fe en vostedes. Como imos ter confianza en vostedes despois de tantas mentiras e xoias falsificadas que nos intentan vender?
É primavera. Xeraneos, lirios, fucsias e azaleas buscan espacio para tomar a raiola nas faldras do Marraxón. Imaxino, como en tódalas primaveras sucede, parellas de namorados bicándose nos xardíns da vila de Neda e de tódalas vilas e cidades do Mundo. E a ti Amor, agárdote onde sempre se agardan as primaveras que se aman e desexan.

 

FE

Te puede interesar