Poesía, nome de muller

|

O pasado queda nos libros
dende a memoria dos vivos

Penso, aínda que non fagan moito caso dos meus pensamentos, que debéramos con frecuencia recordar tanto o bo como o malo acontecido nas nosas vidas, na nosa bisbarra e, como non, en todo o mundo.
Recordar o propio e tamén os acontecementos que posetiva ou negativamente, afectaron a un colectivo máis ou menos grande. Os sufrimentos e as alegrías. As bágoas e as risas. Recordar o pasado non quer dicir ter morriña del.
O pasado debéramolo ter de vez en cando presente. Por suposto, sen que supoña motivo de euforia nin de melancolía.
Telo pasado presente namentres o cerebro dirixa o bo funcionamento do noso intelecto. Namentres non o leve lonxe e sen retorno o vento do esquencemento.
Non permitamos que ninguén nos falsee o pasado. Menos aínda o presente.
Cada quen debe pensar e informarse por si propio, tendo en conta que o pasado é a madeixa de fío coa que confeccionamos a indumentaria do presente e do futuro.
Dicía Shakespeare que sexamos donos dos nosos pensamentos, e digo eu do noso presente, deixando que as novas xeneracións labren o seu futuro, anque o señor Núñez Feijóo veña dicindo que hai certo infantilismo na nova xeneración política. Mírense aos veteranos como están actuando e quitemos conclusións.
¿Cantos mandatarios, e non falo somente dos políticos, gustarían que o pobo pensara en cousas banais? Que non houbera “librepensadores”. Que aceptáramos, sen dar chío as súas mensaxes, ordes e leis decreto. ¿A cantos...?
Cambiando de tema, non sei a vostedes pero a min chamoume a atención o caso da parella de pais de Madrid, que querendo poñerlle ao seu fillo o nome de Lobo, recibiron determinante negativa nunha oficina do rexistro, anque logo de pleitear remataran aceptando.
Lobo é un apelido bastante frecuente e coñecido ao longo e ancho do país. Na nosa comarca habitan varias familias que levan de primeiro ou de segundo o apelido Lobo.
E digo eu, por que Lobo non e León si. E Delfín, Urraca, Castor, Paloma, Pomba e Mona, entre outros que derivan de nomes de animais?
Por que Lobo non e si Acacia, Adelfa, Andrómena, Claudia, Ausencio, Archivaldo ou Claustro? E por que Xunqueira (derivado do xunco, do latín iuncos), cuxa onomástica se celebrou onte, 15 de agosto, coincidindo co día da Asunción?
E por que nomes de continentes, países e cidades, meses, flores, planetas, satélites e cometas, e Lobo non? E por que esa moda –que eu nin critico nin aplaudo– de poñerlle nomes de persoas aos cans e outros animais de compañía? Por que cada quen non vai poder poñerlle o nome que guste aos seus fillos, sempre que non sexa ofensivo, por suposto?
En España, hoxe hai leis e normas contradictorias ao pensamento do pobo. Prohibicións de tempos pasados polos que aínda hai quen sente saudades.
Lobo é nome propio e apropiado. Por que non? Ao igual que Lopo, Lupo, Lupa e Lope, de orixe latina cuxo significado é “lupus-lobo”.
San Lobo foi bispo de Troyes, quen no s. V liberou a cidade das barbaries de Atila, rei dos hunos.
Por certo, Atila é un nome moi común en Hungría e outros países limítrofes, e a súa onomástica é o día de Todos os Santos.
A min, un nome que me namora e que non sei porqué ninguén se atreve a poñer a unha filla –ou si– é Poesía. Que non vén no santoral nin nos diccionarios de nomes que eu consultei. Pois deberá vir a partir de xa. Senón, fagámonos insumisos de normas controladoras que pretenden sexamos monicreques. E iso non.

Poesía, nome de muller