Na morte do benquerido Pepe Leira

|

Hoxe tocaba falar do traslado dos restos do ditador Francisco Franco, mais a adversa fortuna motivou que sentise a imperiosa necesidade de mudar o tema. 

Escribo estas liñas nese estado de mal corpo que nos deixan as noticias inesperadas cando son malas. Estivera escribindo ata máis aló das catro da mañá e onte erguinme tarde. É por iso que a nova da defunción do meu benquerido amigo de tantos anos me chegou tarde de máis para todo. Ducheime, prendín a televisión para ver o da cadavérica traslación, preparei un café e púxenme a ler o Diario. Xa na primeira plana batín coa noticia que non querería ter lido. Nada me podía levar a pensar que Pepe Leira, como outros amigos politicamente afíns, non estivese vendo tamén esas imaxes mostrando a arrogancia da familia do sanguinario ditador, clara mostra que determinadas cousas aínda non mudaron como tiñan que ter mudado. Mais por desgraza non era así. O home vitalista e optimista –o que non é doado nestes tempos que corren– que coñecín e tanto tratei falecera antonte e eu nin me enteirara. Supúñao escribindo como era o seu desexo cando se xubilou. “É o tempo da literatura”, dixérame nun correo.

Na morte do benquerido Pepe Leira