EDUARDO SÁNCHEZ FRAGA

Nunha das miñas incursións por Granada fun a Viznar e ao seu  tristemente célebre barranco onde fora asasinado Federico García Lorca. Alí colocaron unha placa na que reza a seguinte mensaxe: “Lorca fueron todos”,  e efectivamente así é porque na súa persoa reflíctense todos os que foron masacrados fora dos frontes de batalla a raíz daquel  lamentable suceso que foi o golpe de Estado de 1936.  Un dos  87 asasinados no meu pobo foi Eduardo Sánchez Fraga a quen quero recordar hoxe. Nacera en Betanzos de onde era a súa nai pero o seu pai era de Mugardos. Viviu a súa nenez en Vigo e recen rematada a carreira de medicina en Santiago instálase na vila onde vivía a súa avoa  con intención de exercer como médico. A súa bonhomía fixo que axiña fose popular entre a xente menos favorecida á que trataba con gran humanidade, e nalgúns caso non so non cobraba senón que axudaba economicamente a algunhas familias para que puidesen comer e mercar os medicamentos.  No pobo había persoas moi incardinadas no nacional catolicismo que axiña o acusaron de comunista. Estar preto dos pobres (moral cristiá, por certo), curiosamente era sinónimo de revolucionario, así que Sánchez Fraga estaba na diana cando se produce o golpe de Estado e o entón alcalde Xosé Prieto (este si comunista) recorre a el para formar parte dun comité de defensa municipal (cousa normal, dadas as circunstancias) no que figuraba tamén Amada García  (fusilada en 1938).
A raíz do asalto ó Pazo do Piñeiro ao que Sánchez Fraga se opón enfrontándose á decisión do alcalde, prodúcense dous feridos de bala; un fillo do propietario  que falece, e un carabineiro que, magoado, é trasladado a Mugardos onde é atendido por Fraga. Este  aconsella o seu  trasladalo a Santiago e ofrécese acompañalo. O ferido morre e Sánchez Fraga, en Santiago,  decátase de que o andan buscando. Non quer fuxir porque tiña a conciencia tranquila sabedor de que non fixera nada malo. Era republicano de convicción. O deteñen alí acusado, claro, de ser comunista e de poñer unha carga explosiva na ponte do Baño, e por se isto non fose suficiente, alguén dixo que era espía de Moscova, que tiña unha emisora e que transmitía por radio información ós rusos. Sen comentarios...
O traen detido a Mugardos e traládano ó buque “Plus Ultra”, fondeado na ría, que entón era buque prisión e alí téñeno perante quince días. Dixéronlle que sería xulgado pero o xuízo nunca levouse a cabo. Nunha lousa que penduraba da parede da sede do xornal “El Correo Gallego”, na rúa Real de Ferrol, apareceu un día a noticia de que Eduardo Sánchez Fraga fora “pasado polas armas” acusado de rebelión, gran paradoxo, polos que precisamente se habían rebelado. Sacárono do “Plus Ultra” e na madrugada do 18 de Agosto de 1936  na caixa  dunha camioneta, condúceno ó cemiterio e diante da  tapia é fusilado xunto ó secretario do Concello, Xosé Tenreiro, que era natural de Pontedeume. Sánchez Fraga tiña 29 anos.  Sánchez, Fraga, Amada García... eran todos como figura na placa do monólito de Viznar. Detrás de cada inmolado hai unha historia, unha familia  e un proxecto vital que foi truncado violentamente pola sen razón. É tempo de facer xustiza con aqueles que morreron vítimas das envexas , das falsas testemuñas e, por suposto, por figurar no lado dos que perderon a guerra. É unha materia que aínda está pendente e xa é tempo de que se aprobe. Cos mortos  de morte matada non convén establecer diferenzas cara á desexada e definitiva reconciliación.

EDUARDO SÁNCHEZ FRAGA

Te puede interesar