Achegados

Din os nosos refráns que así como non hai peor cego que o que non quere ver ou peor xordo que o que non quere oír, tampouco hai peor entendedor que o que non quere entender. Sería o mesmo substituír o non quere por facer que non quere ou non lle interesa ou non lle convén entender. E disto do entendemento vai a polémica que tan artificialmente se vén creando desde que o ministro Illa falou de que nestas próximas festas de nadal podería ampliarse ese reducido círculo de reunidos, circunscrito a convivintes, con familiares e achegados. Que é iso dos achegados?, comezaron a preguntarse os amigos da dereita e do xogo revolto, cando parece evidente que toda persoa en uso das súas facultades mentais ten idea, máis o menos clara, do que é un achegado. Se cadra, algunha xente non pode dar unha definición de dicionario, mais, de que sabe de que vai a cousa, non me cabe a menor dúbida. E se alguén tivese algún tipo de dúbida sobre o que é un achegado pode resolvela consultándoa en calquera dos dicionarios que ten ao seu dispor na tan xeneralizada internet dos móbiles. Alía atopará que un achegado é aquela persoa coa que se mantén unha relación estreita, tanto de parentesco como de amizade ou confianza. E xa está. Non hai máis voltas que darlle, a non ser que pretenda outro tipo de fins non só aclaratorios. Porque non creo que nin don Salvador Illa, cando falou de achegados, nin ninguén, cando o escoitou, estivesen a pensar que o termo se referise tamén a aqueles pobres e famosos que os bos burgueses do franquismo -algún republicano incluído- ían sentar nas súas mesas de noiteboa, naquela operación de lavado de conciencias, patrocinada por unha empresa fabricante de olas de cociña, que de xeito tan xenial aparece en Plácido (1961), aquel marabilloso filme de Luís García Berlanga, que puiden ver de neno e logo tamén de maior.

Berlanga e Rafael Azcona titularan o seu guión Siente a un pobre en su mesa, inspirado naquelas hipócritas campañas do nacionalcatolicismo imperante na ditadura, mais, como non gustara á censura, acabou en Plácido, o nome do protagonista condutor do motocarro interpretado polo gran Cassen. Ou podemos pensar que a día de hoxe haberá xente que teña in mente compartir a mesa e o mantel dos seus xantares festivos con pobres ou famosos? Que non son eses os achegados aos que se referiu o ministro de Sanidade semella evidente. O termo parece apuntar máis a mozos, mozas, novietes, novietas, churris, parentas, amigos/as con dereito a roce... Ou similares. Como din os portugueses “para bom entendedor, meia palavra basta” e o resto é bater ao redor do arbusto.

Achegados

Te puede interesar