Canto nos podería ensinar a Natureza se fósemos á súa escola.
Al final del tiempo largo / he vuelto al campo de mi infancia / mis ojos cansados de negros paisajes / han acariciado hoy los árboles que antaño me cobijaron. / Hoy he revivido antiguas estampas / de pasados días olvidados. Verso primeiro do poema “Encuentro” de Sonata cósmica, do poeta Francisco Peralto…
Á nosa horta de Manxapán achégase de vez en cando un paxaro peto. Poida non sexa sempre o mesmo, xa que non é doado diferencíalos.
O peto, tamén coñecido por pico, picapostes, picapinos e paxaro carpinteiro, pode medir entre quince e corenta centímetros. Entre eles destacan o pico menor, o pico negro, o real e o verdeal que é o que eu vexo por aquí, beira ribeira de Neda coa parte inferior da cabeza cincenta.
Xa digo, fermoso, cabeza ergueita peteirando nun piñeiro do fondal rebuscando larvas. Que pose de paxaro fanfurriñeiro e raro de ver por estas terras mariñás. Intentei gravalo, aínda que ó verme marchou con pico e plumas cara ó pazo da Mercé.
Son paxaros desconfiados, tal vez por iso non lles gusta que se acheguen a eles. Poida que tampouco lles guste saír nas redes sociais. Nunca os vin en bandada, posiblemente porque non abundan, ou por non ser ave gregaria. Algo que a miña simple afección non me aconsella afirmar. Eso si, da xenio velos voar co seu característico voo ondulado por entre as árbores, e peteirando nelas cabeza ergueita e corpo vertical, coas unllas espetadas na cortiza apoíandose no rabo.
Din que os petos osman a choiva, por iso tamén son coñecidos como “peto d´auga”. Cando o peto voa rasante, auga por tras e por diante. Teño oído ós maiores do lugar.
Cando neno polos montes de Santar, A Capacheira e na horta do vello pazo, terras de Barallobre, deixábanse ver con moita frecuencia, sen embargo nunca oín cantar a un peto, nin tan sequera escoitar del un asubío que detectara a súa presencia. Ó contrario que o cuco, que “entre marzo e abril sae do cubil”, co seu peculiar e rechamante cu-cú, deixándose oír ó lonxe.
Cando con meu pai iamos ver os entrenamentos das raposas ós seus cachorros que criaban nas costaneiras dos prados de Fufín, por riba das Chancas de Perlío, sempre nos advertía: “ollo, só mirade e caladiños coma petos”. Case que non respirabamos.
Que leccións das nais raposas. Como lles lanzaban ó ar ósos e outros restos de animais para que os pillaran no ar e devolveran. Como facían carreiras e arrolaban polos prados. Que reportaxe de Felix R. de la Fuente, en vivo e directo!!
Aproveito admirado profesor, para unha vez máis recordalo e dicir que, sendo como foi amigo da Natureza e da Humanidade en xeral, seguirá eternamente na nosa memoria.
Deixo os animais irracionais e paso a falar de nós, home muller e viceversa. Ese ser racional que tantas veces exerce de irracional e que tanto temos que aprender dos que arriba (e doutros) lles falei. Hoxe mesmo estámolo a ver, con tanta inhumanidade, tolemia, desigualdade, da que só nós (homo, homis) somos responsables.
Poño os pés no chan, no agora deste gran país que algúns iluminados pretenden converter en impaís. A ver se a intelixencia e dignidade de novos gobernantes os leva a ser algo máis que animaliños facendo animaladas e se converten non en mandatarios-mandaríns-recaudadores, senón en elexidos do pobo para gobernar e facer pregresar un país, que por culpa de tanto corrupto imos de capa caída sendo os choqueiros de Europa.Que rico país e que ben podíamos vivir, se non houbera tanto ladrón ceibo.
Para o 20 D, antevésperas de Noiteboa o presidente Rajoy convoca eleccións. Aínda que chame a atención a data, el é quen decide. Ata agora.
Poida que consultara –hai algúns dixomedixome– coa súa adiviña favorita e ela intelixente sabe que por estas festas a maioría da poboación facendo de tripas corazón, pensa nas larpeiradas, en olvidar tantos problemas, en ser felices e piden, mellor dito desexan respirar por uns días e olvidara tan nefastos políticos.
Vaite!, como cambiou don Mariano ó se decatar que a auga da política non corre cara ó muíño do PP., que vén sendo o seu. Sorrisos e bicos a tutiplén, ata cos informadores dos medios de comunicación (xa non lles fuxe), deixou esquecida aquela noiva tan querida chamada Plasma. El, tan puritano. Incluso oín, que está ensaiando uns pasos de baile a ritmo de zambomba e pandeiro e que non o fai mal. Deixa ver se estes xiros e movementos ós que non estaba acostumado non lle crea algún problema colateral. O 20 D saberemos quen gañou o concurso de “politidanza”.