Gobernanza

Quen crea que gobernar é sinxelo está moi equivocado. Malia requerir experiencia necesítase aptitude, apoio e por si isto fose pouco, medios para que as ideas camiñen polo sendeiro da realidade. Quer isto dicir que sen cartos pouco ou case nada se pode gobernar, que o etéreo da idea non se vai converter en material tanxible. Sen orzamentos os proxectos non avanzan. De aí a importancia que adquire a aprobación dun presuposto en calquera tipo de empresa, comezando pola municipal. Asi como na casa é importante que a familia chegue a un acordo no uso do diñeiro dispoñible, nun concello ocorre o mesmo pero coas consabidas discrepancias no fondo e as veces na forma, segundo a cor do cristal co que cada grupo político mira, o que en moitas ocasións suscita que os presupostos non se aproben co conseguinte perxuízo para a gobernanza.  O pasado mércores tivemos ocasión de escoitar ao alcalde da cidade nunha animada conversa dentro do ciclo “Conversas no Parador” que organiza o Club de Prensa e parte do argumentario desta palestra xirou en torno á  posible aprobación ou non dos tan levados e traídos presupostos. O alcalde esperaba que a oposición estivese á altura das circunstancias e que a gobernanza prevalecera por enriba das siglas partidistas. Apelaba, nun ton moi conciliador, á necesidade de aprobar uns presupostos que levaban prorrogados desde o 2015, que permitían si “ir tirando” pero que incapacitaban novas inversións, necesarias para avanzar nos proxectos importantes para o desenvolvemento da cidade. Pois ben, ao día seguinte, por fin aprobáronse os presupostos e xa que logo ábrese un abano de posibilidades en canto as partidas destinadas a proxectos que estaban durmidos no caixón do desleixo por mor da insolvencia. Sen dúbia é unha boa nova como é o feito de que por unha vez, e oxalá serva de precedente, a esquerda púxose de acordo no fundamental rachando así coa tendencia endémica á discusión, a esa disputa  constante entre grupos case afíns que, malia pequenas diferencias na forma, no fondo terían que estar en sintonía. Seremos capaces de rachar con ese estigma? Seremos quen de demostrar que Ferrol é gobernable? Ben, pois aprobados os presupostos, a ver que pasa agora, a ver se temos na gobernanza un periodo de certa tranquilidade que boa falta fai e a ver se dunha vez por todas se materializa un proxecto de cidade no que todos poidan participar,  un bosquexo de actuacións polas que a cidadanía leva esperando un tempo, demasiado tempo.
 

Gobernanza

Te puede interesar