Caza de bruxas?

Moitas veces lle teño escoitado dicir “sempre foi así” a miña benquerida e lembrada avoa Fortuna Mauriz. Sobre todo cando eu me empeñaba en defender e facer cousas que non lle parecían o máis adecuado, porque se saían da norma, tácita ou explícita, do corrente, do habitual. Non obstante sempre lle agradecín o benintencionado dos consellos, porque moito do positivo que fixen na vida a ela llo debo. Onte, por territorio español adiante, tiveron lugar infinidade de cabalgatas dos chamados Reis Magos. De cativo, o normal, máxime naquel tempo en que non había televisión en España, acreditaba na existencia dos Reis. A pesar de que, por escoitar na radio noticias doutras cabalgatas, preguntaba aos meus maiores como era posible que esas xentes puidesen estar en tantos sitios á vez. Non lembro que as respostas me convencesen. Creo, iso si, que entre elas aparecía tamén o case inevitable “sempre foi así”.
E non sempre fora así. Nin a crenza nos malchamados reis, nin menos a existencia de cabalgatas. Polo que sei este costume español non vai máis aló dos 100 anos. Xa que logo, é unha tradición moi recente. Non existe, por exemplo, no veciño Portugal, país con forte pegada católica. Alí nunca houbo cabalgatas nin Reis portadores de regalos. Tradicionalmente traíaos o neno Xesús mais xa hai anos que os entrega o Pai Natal. O día non é feriado e practicamente desapareceu o de cantar as xaneiras, esas das que fala o “Natal dos simples” do grande Zeca Afonso. Tampouco na católica Italia existe a festividade dos Reis Magos. O día é de festa e na noite a bruxa “La Befana” reparte regalos na súa xesta voadora. En calquera caso, algo moi menor e nada comparable aos Reis destas terras.
Tendo isto en contra, sorpéndeme máis aínda todo o lío que algunhas xentes montaron coa postal de felicitación da área de Igualdade e Diversidade do Concello da Coruña. Coa mensaxe “Boas festas e feliz 2019” aparecen tres figuras femininas, representando tres raíñas, co mesmo xesto de poderío, de marcar bola, da remachadora Rosie no coñecido cartel do We Can Do It!. Eu vin un cartel con cores rechamantes e con presenza feminina. Non é muller La Befana? Desde logo, non vin falta de respecto nin atentado contra as tradicións de ningún tipo. Nin cortes de mangas, nin puños erguidos. Nin sequera un engano aos nenos, porque ese engano xa está na raíz da festa. En verdade, gustei do cartel.

Caza de bruxas?

Te puede interesar