Historias de xílgaros

Encantoume a historia dun xílgaro que contou Siro o domingo na Voz. Recordo a Leonardo Freijomil, a súa moto, a súa cadela e os seus paxariños. Tamén eu teño unha anécdota que contar relacionada con eles: “No bar, coñecido por Juanito el del Cruce xuntábanse outrora os afeccionados, a tomar os vasos e a falar dos seus campións, que vendían, mercaban e trocaban, ¡ata por un Dauphine en certa ocasión! Un bo dia chegou o Freijomil cunhas oito ou dez gaiolas todas elas ensartadas nunha vara de castiñeiro e cubertas cunhas fundas de tea, púxoas enriba do mostrador e díxome a min que escollera unha e a destapara. Así o fixen e de seguido dirixíndose ao paxariño, un xílgaro de rechamantes cores, díxolle:“ Demuestrale a este señor como canta un jilguero campeón”. Para sorpresa de todos os presentes aquel paxariño, escollido o azar, púxose a cantar como se toleara. Logo tapouno, puxo a gaiola de novo xunto as outras e, dende a porta do bar, berroulles, “adios niños”. Agora o abraio foi xeral pois todos a unha empezaron a chamar por el cos seus chíos. Na Bazán dos anos 50 había moitos afeccionados que os luns, na tempada de caza, contábanse as súas andainas por Doniños, San Xorxe e Valdoviño que era por onde facían a entrada inxentes bandos de xílgaros á procura de mellores pastos e de temperaturas mais mornas. Un bo dia regaláronlle un ao meu pai que logo durou na casa varios anos, de feito morreu de vello, cantando ata o último dia. Con el empezou a miña afección que conservo contra vento e marea, mágoa que agora mesmo non teña ningún.Volvendo ás anécdotas cóntovos estoutra para rematar: “Meu amigo, compañeiro e veciño Emilio Martín Gómez experto afeccionado ao que agora chaman silvestrismo, embarcou en certa ocasión no JS Elcano que ía dar a volta ao mundo. Como non podía ser doutro xeito levou con el un dos seus queridos xílgaros. Ao principio o tiña medio agochado no camarote porque algúns pensan que os paxaros a bordo son de mal agoiro pero, informado o comandante ordenou o traslado do paxariño na súa gaiola á ponte de mando dende onde fixo a viaxe enteira amenizando as longas e tediosas gardas de mar e mesmo as entradas e saídas dos portos co seu canto amplificado polos altofalantes. Nin que dicir ten que cando meu amigo desembarcou, rematada a viaxe, o xilgaro ficou a bordo. ¡Xa era da dotación! Emilio, dende estas liñas aí vai unha aperta forte.

Historias de xílgaros

Te puede interesar