Lembranzas necesarias

A semana pasada a premura do tempo non me permitiu dedicar esta columna dominical aos actos que tiveran lugar o día anterior na nosa cidade para conmemorar a visita que hai cen anos realizaran un grupo de activistas da Irmandade coruñesa.
É sabido que o 11 de febreiro de 1917 un nutrido grupo de membros do “Comité d’aición galeguista da Hirmandade da Fala” da Coruña se desprazara a Ferrol para participar nun mitin de propaganda galeguista no Salón Amboage  e no posterior xantar de confraternidade no Ideal Room.
Nos tempos que corren, cando falamos de republicanismo en España, adoitamos citar a data do 14 de abril, a da proclamación da II República. É raro que lembremos a data do 11 de febreiro, que foi cando se proclamou a primeira, aquela que acabou definitivamente co pronunciamento do xeneral Martínez Campos, continuación do golpe de Estado do xeneral Pavía e a ditadura do xeneral Serrano. Con eses lamentables sucesos deuse inicio á Restauración borbónica na figura de Alfonso XII, non na de súa nai Isabel II, a raíña lexítima, que tivera que abandonar España cando o triunfo da Revolución de 1868 e vivía exiliada en París. Curioso non? Mais para os republicanos de 1917 a data significativa, a que os identificaba coa causa republicana, era esa do 11 de febreiro. Consecuentemente, os membros do sector republicano do nacionalismo galego da Coruña decidiran facer coincidir as súas primeiras accións propagandísticas ao redor desa data.
Neses días de 1917, ademais, o movemento irmandiño gañaba presenza e presenza e prestixio, cando, para conmemorar a data do 11 de febreiro, os republicanos coruñeses convidaran a dar unha conferencia no seu Casino a Porteiro Garea, unha das grandes figuras do incipiente nacionalismo. Había tempo que non se vira un recibimento semellante ao que lle fixo a xuventude republicana. Xa no acto, Porteiro obsequiou aos asistentes cunha magnífica conferencia, de hora e media de duración, chea de ideas modernas e de sinxela elocuencia, na que falou de republicanismo e de rexionalismo, pronunciando fortes palabras contra o caciquismo.
A idea de conmemorar aquela xornada de irmandade entre galeguistas coruñeses e ferroláns partiu da xente da Coruña e atopou boa acollida en diferentes persoas e entidades, como é o caso da Fundaçom Artábria que, entre outras cousas, e a falta do Ideal Room, se ocupou de preparar no seu local de Batallóns un ben amañado menú. O colectivo coruñés desprazado a Ferrol nesta ocasión superou claramente o número de activistas que viaxaran hai cen anos. Coma aqueles tamén optaron polo tren para realizar o desprazamento, descubrindo, as persoas que non o sabían, que a duración do traxecto foi pouco tempo inferior á de aquela. Viva o progreso! Recibidos na estación polos galeguistas ferroláns, a comitiva fixo un percorrido semellante ao daquel tempo pasado,  facendo paradas diante de lugares que tiveran que ver con aquel día ou que pouco tempo despois serían lugares con presenza da Irmandade ferrolá: o local prestado onde se fundou, o local onde tivo a súa sede, o edificio que ocupou o Ideal Room na praza de Armas, o edificio do Casino, o edificio onde estivo El Correo Gallego, a praza de Amboaxe, onde estivo o Salón Amboage... Aos postres do xantar houbo música (Moncho do Orzán, excelente gaiteiro), regueifas, poesía, textos de Charlón e Hermida... e moita camaradaxe. Particularmente, disfrutei moito na xornada, máxime porque tiven ocasión de saudar xente amiga, coñecida de vello, coa que había certo tempo que non coincidía: Saleta Goy, inseparable compañeira do Manuel María, Xurxo Souto, Olivia Rodríguez, o grupiño da parroquia oleirense de Nós (Cacheiro, Naia, Taboada, Ferreiro...) e algunha outra. En definitiva, unha xornada, con Xurxo Gago de mestre de cerimonias, para lembrar e, naturalmente, repetir.
 

Lembranzas necesarias

Te puede interesar