Unha semana ateigada de novas

A pasada semana estivo ateigada de novas dignas dun comentario. Por exemplo, as declaracións de Almunia dicindo que a UE non impedía a construción do dique flotante de Ferrol, só que non permite que se financie con cartos públicos, ... pretende tomar os galegos e galegas por parvos.
A outra nova é que Poroshenko aceptou na reunión de Minsk un alto o fogo no leste da Ucraína, sen lugar a dúbidas forzado polo avance das milicias populares do Donbass sobre a importante cidade portuaria de Mariupol.
Sexa cal for a razón para esta rectificación de Kiev, é positiva, porque a destrución das cidades desta área, o millón de desprazados, e os milleiros de mortos e feridos, a maior parte civís, fan desta guerra civil unha traxedia humanitaria. A incógnita é, se Poroshenko só quere gañar tempo para reorganizar as súas forzas e poder recibir axuda exterior abondo da OTAN, ou realmente está disposto a aceptar a partición da Ucraína para evitar males maiores, xa que a esta altura, despois de tanto sangue e padecementos, recompoñer a unidade non semella posíbel.
A terceira nova, moi condicionada polos acontecementos da Ucraína, é a decisión do BCE de rebaixar o prezo do diñeiro, xa que a UE vai camiño da recesión. O menor medre dos BRICS e as sancións a Rusia son un coio no zapato da economía da UE. E neste último caso, é consecuencia directa da alianza estratéxica cos Estados Unidos, que apostou pola confrontación mesmo armada na disputa polos mercados internacionais. Algúns especialistas destacan que é positivo que baixe o valor do euro, malia que pode dar folgos a unha nova burbulla financeira, porque os bancos son os primeiros beneficiados pola decisión do BCE e os que van decidir que facer con tanto diñeiro a prezo de saldo.
Dada a desconfianza existente, non parece que estes cartos cheguen ás familias e pequenas e medianas empresas. Mais, aínda que fose así, sería un novo remendo, porque os problemas de fondo seguen sen solución, como amosa arreo a degradación das condicións laborais e a consolidación dunha ampla franxa de pobreza. Cómpren mudanzas sistémicas, soberanía e democracia real para as clases populares.

 

Unha semana ateigada de novas

Te puede interesar