EMPRESARIOS SUMISOS

Os directivos da CEG, con Antonio Fontenla á cabeza, son a quintaesencia do conservadurismo económico. Veñen de certificalo unha vez máis nun informe que subscribe ad pedem literae o catecismo neoconservador que ten na santa austeridade a áncora de salvación. No acto de entrega a Feijóo, a cúpula empresarial recitou de memoria a consabida letanía das maldades que lle atribúen ao público e das bondades innatas que lle outorgan aos procesos privatizadores –por caso, na sanidade–.

Non parece importarlles que, por mor de seguiren sometendo os gobernos de Madrid e Galicia tódalas posibles alternativas ao embudo claustrofóbico dunha austeridade compulsiva e xeralizada, centos de pequenos e medianos empresarios estean agora mesmo coa soga ao pescozo. E caen nas mesmas contradicións de sempre. Reparo en que esixen que se corte o gasto público despois de contemporizar, por conveniencia duns poucos e durante moitos anos, coa aberración económica dun investimento público en macroestruturas que obedecen cuase exclusivamente a obxetivos políticos e administrativos, non a razóns económico/comerciais.

Como sempre fixo a burguesía empresarial galega, sigue minusvalorando a nosa capacidade para autogobernarnos

 

Poñámoslles nome: o Gaiás de Santiago e o seu sucedáneo portuario na Coruña, os numerosos auditorios/mausoleos sen vida cultural, ou os polideportivos sen deportistas de a pé nin atletas de competición. Por non falar do que nunca se atreveron a reivindicar, esa rede interna de comunicación ferroviaria, cuxos beneficios serían inmensamente máis grandes e xeralizados que os que vai supoñer a línea AVE, o maior burato negro da historia sobre os orzamentos públicos, en palabras do economista Antón Costas.

Non parece senón que van a rebufo do poder, que os instrumentalizou no inmediato pasado para lexitimar políticas de moi dubitosa racionalidade, e que os sigue instrumentalizando agora para xustificar as políticas coas que pagar tantos excesos a costa de poñer en risco non só a centos de pequenas e medianas empresas, ás que non chegan os créditos nin os incentivos económicos, tamén o estado de benestar.

A baixada aos infernos de canto se move arredor da industria do naval, como se constata nas marchas reivindicativas dos traballadores ferroláns e vigueses, é un debe na actitude seguidista dos señores da CEG. Tamén polo que respecta ao proceso político/partidario que imposibilitou o asentamento da industria eólica. E por mirar para outra parte vendo como algúns directivos lastraban as Caixas e o noso sistema financeiro.

Eles, erre que erre. Auxiliados pola elite dese reaccionario círculo de empresarios vigueses, que esixen non que se actualicen e reforcen as competencias económicas do Estatuto de Autonomía, que revirtan no tecido produtivo e nas condicións sociolaborais dos galegos, senón que as retome o Estado.

Como sempre fixo a burguesía empresarial galega, sigue minusvalorando a nosa capacidade para autogobernarnos. Apoderouse deles o autoodio. Dos da CEG apoderouse o egoísmo e a insolidariedade para con centos de empresarios ao bordo do abismo e para cos 270.000 galegos en paro.

 

EMPRESARIOS SUMISOS

Te puede interesar