Podemos na Marea?

Arecente Marea Constituínte marcou un fito moi importante no desenvolvemento desta alternativa política. A achega de alcaldes e alcaldesas varios, de centos de galeguistas con experiencia de xestión local e autonómica e de forzas municipalistas máis ou menos xurdidas á marxe de Podemos densifica a resultante e achega a nova alternativa á tradición galeguista e ao coñecemento, afastándoa dun certo adanismo presente aínda nalgúns acenos e discursos.
O percorrido dende maio do 2015, abríndose a sectores en principio refractarios, cando non conscientemente apartados, favorece construir un discurso e unha ferramenta galegas e permite albiscar a posibilidade dun programa de goberno ás galegas ilusionante, transformador e realista. Con moitas dúbidas, porque parte dos problemas deste novo espazo político fican aínda sen resolver. Mais hoxe a Maré é máis potente e máis galega ca onte e ten máis posibilidades de conectar con sectores até de agora pouco interpelados polo seu discurso.
Mais está o problema de Podemos. Por moito que proclame a súa plurinacionalidade Podemos é un proxecto español e os seus asociados partillan en grande número unha visión estatalista da axenda política. Para máis, consideran que o proceso de formación da Marea galega non remunerou a xeito a súa achega en votos. Mais vivimos tempos líquidos na política e o que valía na primavera do 2015 non val no verán do 2016. Porque hoxe a causa principal do relativo fracaso de En Marea o 26 de xuño atópase na falla de definición autónoma, no seu solapamento cun discurso estatal que, ademáis, está lonxe de pular por un cambio real no conxunto do Estado.
Esta vocación galega da Maré non habería implicar a exclusión dos demócratas non galeguistas que acrediten no País como suxeito de decisión. Nin tampouco negar a colaboración co progresismo estatal de Podemos na rexeneración democrática ou concretas reformas sociais e económicas. Mais dende o recíproco recoñecemento como proxectos diferentes e autónomos.
Porque a nova Maré Galega só terá espazo autónoma de calquera dependencia estatal, abríndose ao conxunto das capas sociais e afirmando a súa vocación de goberno transformador. A asemblea do sábado pasado en Vigo, neste senso, foi un paso adiante. Mais compre dar outros moitos para facer útil este proxecto.

Podemos na Marea?

Te puede interesar