SEMANA SANTA

Hai que ver como cambiaron os tempos dende aquelas Pascuas da nosa infancia as de agora. É lóxico e natural , pero cando chegan estas datas todos os anos fago a mesma reflexión e trato de atopar o fío condutor que me leve daquelas manifestacións relixiosas ata as de hoxe. A Pascua pon punto e final á Semana Santa na que se conmemora a crucifixión e morte de Xesús e nos seus días previos sucédense unha serie de actos que se foron transmitindo a través do tempo de xeración en xeración. Os apóstolos Marcos, Xoán , Lucas e Mateo xa escribiran os instantes previos á morte de Xesús e segundo expoñen os historiadores téñense novas de manifestacións coma o Vía Crucis aló polo século IV. Pero volvamos á reflexión á que lle estou dando voltas nestas datas.
Cando eu era un neno  a Semana Santa érache distinta, era unha conmemoración de obrigado cumprimento. O Domingo de Ramos a avoa preparaba un ramallo de loureiro, penduráballe nas polas un feixe de caramelos e liscabamos para a igrexa. As nenas levaban palmas case artesanais. O domingo de Pascua repetíase a función pero esta vez cunha “mona”  cun ou  máis ovos. Entre medias estaban as procesións que se seguían con marcado recollemento. Ao paso das imaxes, a xente púñase de xeonllos, os bares pechaban e as emisoras de radio emitían música sacra ou clásica perante toda a semana, estaba mal visto asubiar pola rúa e non digo nada cantar. Eran normas impostas e a piedade sincera confundíase polo miúdo co recollemento infundido. E así moviámonos. Hoxe a Semana Santa converteuse na Santa Semana de vacacións onde a xente aproveita para iren dun lado a outro e descansar das duras tarefas laborais ( afortunados os que as teñen) deixando un tanto ao marxe o concepto relixioso que enmarca estas datas. As procesións convertéronse case en representacións artísticas e nalgunhas cidades como a nosa acadaron a categoría de interese internacional o cal é bo, moi bo, para a cidade sobre todo para o tecido empresarial da hostalería e do comercio. Tradición e folclore forman parte do evento e xa é difícil establecer se a paixón prevalece sobre a ficción. As procesións non deixan de ser representacións teatrais, artísticas, que cando están ben feitas atraen aos espectadores que moitas veces inclúense tamén como protagonistas. En España hai representacións de primeira categoría, poucas pero espléndidas nos seus argumentos escénicos e unha delas é a da nosa cidade e por iso Ferrol está como está na Semana Santa. Detrás de todo isto hai xente que traballa con moito entusiasmo todo o ano e deles é o mérito. Eu aproveitei estas datas para pasar uns días pola Costa da Morte, lugar polo que sento certa atracción. Fixen o meu particular Vía Crucis facendo sendeirismo polo monte próximo ao convento de San Francisco, preto de Louro. O Venres Santo sentámonos nunha terraza na praza dunha pequena vila mariñeira e a carón de nós uns altofalantesemitían a todo trapo unhas “sabrosonas” cumbias que inundaban a praza de ritmos caribeños. Pensei; “Semana Santa, quen che viu e quen che ve” e de seguido veu a miña mente aquilo que tan ben definiu Machado: “devotos de Frascuelo e de Maria”, a eterna mestura de festa e paixón relixiosa, a compatibilidade entre a ledicia e a mágoa, entre o sorriso e o pranto, entre a realidade e a ficción. Para ben ou para mal, así somos.

SEMANA SANTA

Te puede interesar