GRECIA COMO EXPERIENCIA

Todo indica que na disputa entre Grecia e a Troika, Tsipras quere amosar que a ruptura é responsabilidade da UE, BCE e FMI. Ou que considera que se resiste á presión terminará gañando a partida. Neste último escenario necesitaría algunha concesión importante que sexa un avance respecto da situación anterior.
Todos os escenarios están abertos. Para Bruxelas tanto a saída de Grecia do euro e da UE, como facer concesións, ten custes moi grandes. No primeiro caso, a Unión Europea perdería moito do seu atractivo, e afectaría ao euro, que é  fundamental para os intereses máis concentrados. Na segunda opción, abriría a porta a que outros estados esixiran un trato semellante, o que tamén prexudicaría os intereses do gran capital. Este é o dilema dos poderosos.
Nas negociacións, o Goberno grego fixo moitas concesións. Tanto sobre o aumento dos impostos indirectos, como en relación ás privatizacións. Non cumpriu o programa de Salónica, que xa era unha rectificación á baixa de textos anteriores.
Todos os medios destacan que, a estas alturas, a maior diferenza está nas pensións. A Troika quere reducir o seu custe, aque hoxe está no 17,5% do PIB, para dedicar este diñeiro a pagarlle aos acredores, mesmo a costa de acrecentar o drama social.
Cómpre lembrar que foron recortadas en dúas oportunidades, en 2011 entre o 20% e o 40%, e nun 5% no 2012. Evidentemente o decrecemento da renda, nun 25% durante os últimos anos, en gran medida polas políticas impostas pola Troika, fixeron medrar o peso das pensións sobre o PIB.
Atenas non se nega a este axuste, mais quere reducilo e adialo. Non hai polo tanto un debate de fondo, de modelo, como ten repetido unha e outra vez o Goberno grego.  Calquera sexa a solución a finais deste mes, que se considera o prazo tope, está moi claro que a folla de ruta de Syriza era cando menos incorrecta.
Se abandona o euro, porque alentou a idea de que todo era cuestión de firmeza na negociación. Se cede diante da UE, porque deixaría os máis golpeados en mans do gran capital e da burocracia de Bruxelas. Son leccións das que aprender: sobre o capitalismo, o papel da UE, a socialdemocracia, e o keynesianismo.

GRECIA COMO EXPERIENCIA

Te puede interesar