Música clásica: erudición ou sensibilidade?

Rematou o curso no que concirne ás actividades da Filharmónica Ferrolá cun concerto da OSG programado para deixar un bo sabor de boca porque o repertorio poderiámolo considerar como “popular” no significado que esta palabra ten: aquilo que acada fama entre a maioría da xente. E abofé que a 5ª de Beethoven éche dabondo coñecida coma para incluíla nesta cualificación  e mesmo tamén o resto do repertorio ofrecido neste concerto. O Auditorio da cidade cheo a rebordar e caras de satisfacción polo alí escoitado, así que non vou entrar no que a min me pareceu o concerto e si reflexionar acerca de si os pareceres que polo miúdo escoitamos sobre estas cousas teñen máis que ver coa erudición ou coa a sensibilidade. 
A erudición sen dúbida axuda; como ter estudado música. Entrar na época na que lle tocou vivir ao compositor, as influenzas nas que se sustentou, etc, contribúen a entender a súa música pero...iso non é suficiente á hora de valorala. En todo isto ten moito que ver a sensibilidade de cada quen, as sensacións que  particularmente experimenta un ao escoitar o que o seu oído percibe. Coñecín e coñezo a xente que goza coa música clásica en xeral sen saber distinguir unha clave de sol dunha de fa, e malia iso expresan moi axeitadamente o seu parecer na fala e na escrita. Son casos nos que a falla de erudición queda superada perfectamente pola sensibilidade nun tempo no que, afortunadamente, a música clásica xa non é patrimonio dunha clase social acostumada a marcar distancias relegando aos demais ao territorio da inferioridade intelectual. Non, hoxe a chamada eufemisticamente  música “seria” está ao alcance de todos aqueles que desexen aproximarse a ela, xa non é por sorte un produto de consumo exclusivo dunha determinada clase social, cousa que, dito sexa de paso, amolou bastante a esa determinada clase social. 
Xa lles comentei doutra volta que a miña profesora de piano me levaba de moi pequeno aos concertos, nalgúns dos cales eu quedaba durmido. Non lle importaba, pois dicía que incluso durmido percibía aquela música e non sei se aquilo foi decisivo para que eu sentira unha especial atracción cara a este medio de expresión que abrangue dende o rock, blues, jazz, pop, etc, pasando por esa música que vai  por exemplo de Bach a Bethoveen. Evidentemente teño as miñas preferencias pero un enorme respecto por todas as que non figuran no meu apartado de “favoritos”. E cando cometo a ousadía de facer pública a miña opinión sobre o que escoito, fágoo dicindo o que sinto sen máis. 
Normalmente aquelas cousas que pagan a pena son aquelas que requiren certo esforzo para comprendelas e a música non é unha excepción, así que si vamos acostumando o ouvido, ao mesmo tempo iremos avanzando na comprensión. É mellor deixarse levar polas nosas propias sensacións porque nisto inflúe moito a subxectividade, as distintas e individualizadas emocións dun público variado do que formamos parte.  Aplaudiriades por exemplo unha “composición” de John Cage titulada 4´33´´ exemplo do conceptualismo musical que consiste en que un pianista se pon diante dun piano e queda en silencio perante ese tempo? Non? Pois hai xente que si, que celebran esta “xenialidade” do xenial compositor californiano. É a grandeza diste linguaxe: hai música e silencios para tódolos momentos.

Música clásica: erudición ou sensibilidade?

Te puede interesar