MEDIDAS OSCILANTES

|

Lin unhas declaracións do señor Fernández Díaz, portavoz do PP no Concello de Barcelona, manifestando que abandonara o acto de entrega dos Premis Ciutat de Barcelona non por “un tema de creencias religiosas sino de respeto. Y aquí ha faltado cuando se recitaba cual nueva versión del Padrenuestro” un, segundo el, “para algunos poema”. Lin o poema -porque é un poema, un moi bo poema, diría- e escoiteino na bonita voz de Dolors Miquel, a súa autora, e, obviamentemente, teño que incluírme entre eses “algunos”, porque me encantou. Dicir, de paso, que eu xa coñecía Dolors Miquel por ser unha destacada e premiada poeta catalá, con anos de oficio. Non actuou, pois, nese acto solemne como froito dese amiguismo tan común nas concellarías de cultura. Mais, diga o que diga o señor Fernández, no fondo dos descontentos latexa un catolicismo enfermizo e mal entendido, que quere xudicializar todo, como o asunto da concelleira Rita Maestre, pouco máis que un reprobable acto de gamberrismo. O dos abusos a menores en colexios relixiosos queda para outro día.
 

MEDIDAS OSCILANTES