Algún día sera preamar, para todos

|

Esta, é a hora sagrada:
A do amor, dos bicos, da meditación.
Deixarme só (nesta hora), Amigos.


Yo conozco / el camino / hasta que fuego o vegetal o líquido / se transformaran en profunda rosa, / en manantial de gotas encerradas, / en patrimonio de la geología”.(Pablo Neruda, 2º verso de 3 do poema nºVIII, do poemario “Las piedras del cielo”).
Os versos de Neruda son, en palabras de Hernán Loyola, unha louzanía, unha luminosidade, unha limpeza de pedras acabadas de lavar polo río da experiencia e da vida.
Non sei a vostedes, pero a min por veces os camiños da noite introdúcenme nun mundo de fantasías, non eróticas, que semellan reais como a vida e a morte, a comedia e a traxedia, o amor e o desamor, a negrura e a claridade. A creatividade. A fondura conceptual. A beleza en xeral.
Tan real como que políticos, moitos, son incapaces de regresar polo mesmo camiño que emprenderon viaxe (imos polo bo camiño, din sempre) mudando a cotío de dirección cara a outros polos que, para eles, sopran ventos favorables que os leva onde o tesouro escondido polo que pelexan con unllas e dentes.
Fantasiaba hai uns días o ministro de Facenda a bocas cheas, pura fantasía de artista contacontos que se deixa levar pola súa propia enfermiza imaxinación, acerca do “desapalancamiento” da economía española.
Poida que, máis menos, o señor “Palancas” quixera dicir que España xa non precisa de panca, pauferro, nin punto de apoio para recuperarse. Ou sexa, que todo vai a pedir de boca, por bo camiño, conforme á folla de ruta, a do gran capital, claro está, xa que a do pobo de a pé, os que pisamos os camiños da realidade, nada vemos nin palpamos. O señor Mont-oro debe ser bo xogador de cartas, por eso o de tantos farois. Si é un gran mentireiro. Nótaselle ben no sorriso cínico e no impudor das súas palabras burlescas coas que pretende fluctuemos dubidando. Máis non, son moitos farois sacados da manga. O pobo non é parvo, señor ministro…
E nunha lancha de Marín coa proa de carballo paso o mar da Marola e achégome a Pontedeume,  Ferrol,  Neda, á comarca de Ferrolterra fermosa e sufrida que intenta non esmorecer dentro deste total letargo da poboación, e do esquecemento que semella premeditado, dos políticos que gobernan a Xunta de Galicia e o Estado Central.
E como non dicilo, dos responsabeis municipais dos concellos da Mancomunidade, que non foron capaces de evitar que este ano non se celebrara a Feira de Mostras do Noreste, símbolo e reflexo que foi –deberá seguir sendo– do auxe industrial, económico, social e cultural dun Ferrol que por deixamento de todos (¿Ullos sindicatos. Hai alguén ai?) murcha paulatinamente sen que ningún doutor especialista veterano ou novato sexa capaz de sanalo, cando menos, de impedir que a enfermidade avance.
Xa en Neda, cidadáns do Mundo, ó pé da Viladonelle, abrigada pola serra da Louseira e o monte Marraxón habita e reina a meiga Fervenza, practicando maxia e repartindo a todas horas gotas de Auga de Amor.
Mesmo alí, refrescadas polo pai Belelle, fadas e musas meditan, tanxen arpas e fan soar a gaita galega de fol nas claroscuras amañecidas marcando os sucos das corzas na chamada natural do celo.
Mesmo alí, no lugar onde a Nai Natureza transforma os pensamentos en poesía e música, as estrelas da noite en alba do día, seguindo o curso do río cara á ría Ártabra e logo a bravos mares nos que os corazóns das persoas latexan, tremen e pregan. Belelle dos panadeiros, / dos muíños que non moen, / laio en noite de luar. / Pai, irmán, fillo do mar.
Aproveitando esta hora sagrada do amor, dos bicos e da meditación dicir que contravindo as leis da gravidade, hai uns días, no salón de actos do Ateneo Ferrolán levitei entre nubes de muselina, beleza e bondade sen fronteiras, escoitando recitar de xeito maxistral a Eva Veiga.
Tan Señora coma sempre. Ela que compón e recita como poucos fan. Versos que semellan, ou son, flores que nacen en terra fecunda e camiñan sobre raiceiras de seu, aloumiñando corazóns e facendo espertar mentes durmidas.
“A distancia do tambor”, en Espiral Maior. XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. É moito. Versos que enchen o corazón de ledicia. Versos que nunca cansan. Versos nos que, vogues na contra ou a favor, sempre levan a bo porto.
Ela, Eva Veiga, que tanto amou e ama, que é feliz cando os seus semellantes son. Ser en / ti / puro instante / que expira e abre / a un tempo / a flor do mundo.
A palabra, a voz, o agradable sorriso, os poemas de Eva Veiga merecen admiración e absoluto respecto. Gracias por tanto Señora da Poesía.

Algún día sera preamar, para todos