A gaivota

Esa fermosa ave mariña era, hai tempo, un animal ben mirado, polo seu maxestoso voo e porque non facía mal a ninguén. Agora, a gaivota xa case é máis de terra que mariñeira, pois sendo invadidas as praias polos humanos, elas fóronse achegando as cidades, aniñando nos tellados. Entón comezaron os problemas, pois seica esbandallan as tellas, son ruidosas, cáganche enriba cando vas pola rúa, róubanlle a comida as pombas, vólvense “carroñeiras”, rompendo as bolsas de lixo que a xente incívica deixa fora dos contedores e poñendo todo feito un noxo. Por iso, a súa popularidade caeu de tal xeito que, aqueles que a usaban como distintivo nas súas organizacións, remataron por facela desaparecer de toda a súa propaganda, quizais temendo que alguén puidese establecer comparacións. Pobres gaivotas!  Que culpa terán elas dos pecados dos homes! A min gústame velas planear buscando comida, coas súas ás estendidas, ou no seu voo do solpor, en ringleira, aproveitando as correntes de aire, case sen mover as ás, cando volven ao seu hábitat na costa. Que fermosura, non si?  

A gaivota

Te puede interesar