De leis e dignidade

Somos e sentimos. Compartimos principios que teñen como bandeira a dignidade vital. Todos somos seres humanos únicos e insubstituíbles. Pero tamén pensamos e temos unha incapacidade manifesta para conciliar o que a razón dicta a voz en grito, e o sufrimento desesperanzado e sen remedio que, día a día e ano a ano, deshumaniza e rebaixa a calidade de vida, e a vida desvivida dos que sofren. 
Hai límites para todo. Vivir é moito máis que simplemente respirar a duras penas; que ter un latexo demostrable que rexistre e certifique a existencia. 
É doado falar dende a distancia da fría visión cartesiana, de quen non está infectado pola dor de ver sufrir aos seus a todas horas. De estar e descubrirse constantemente necesitado de brazos, horarios, compañía, palabras e cariño, para resistir unha realidade difícil e limitada. 
A loita pola existencia é unha característica propia dos seres vivos. Pero cando a propia supervivencia está ferida, as respostas teñen que vir dende as leis. As crenzas son particulares e íntimas, e inflúen sobre as decisións persoais a tomar. 
Pero as leis son xerais e teñen que darlle voz e poder de decisión a aqueles que pensan que non teñen ningún outro camiño, nin maior esperanza que a de deixar definitivamente unha vida que perderon moito tempo atrás. 
É preciso armar maiorías parlamentarias, que permitan definir leis que resolvan estas situacións dramáticas. E crear os protocolos necesarios para evitar as actuacións desesperadas, de quen non pode ou non quere, resistir máis.
Convenceuse de que o seu único recurso era o silencio –dixo El– agocharse no perfume da túa pel e sobrevivir ao esquecemento, soportando o eco sempre vivo dun afecto, aquel abrazo longo e cálido... ou o bico sorprendido no carmín, que nunca caerá dos seus beizos...

 

De leis e dignidade

Te puede interesar