Precariedade

|

Fai unhas semanas a prestixiosa revista científica The Lancet publicaba un artigo que poñía ao estado español a caer dun burro, no tratamento que estalle a dar da pandemia. Falta de persoal, sen recursos, persoal baixo tensión, un ratio de apenas 5 .9 enfermeiras por mil habitantes, en contra da media europea das case 10 por mil habitantes. Unhas sanitarias con contratos precarios que duran días ou incluso horas e uns salarios baixos, que resultan esperpénticos en comparación coa maior parte das súas colegas europeas. Ademais este informe fala da alegría e rapidez da apertura e a falta de  un sistema eficaz de rastrexo, xunto cunha recollida de datos pobre e ineficaz, que está a facer que si a primeira vaga da pandemia era imprevisíbel, a segunda esta a ser totalmente previsíbel.

Todo isto e máis que publicaba esta prestixiosa revista científica o 16 de outubro do 2020, é o resultado do que Nuñez Feixoo fixo nestes 10 anos de goberno na Xunta, a base de desmantelar o Sergas en beneficio da sanidade privada. Un servizo galego de saúde, con enorme falta de profesionais das diferentes modalidades sanitarias, onde as profesionais están a soportar máis traballo sobre os seus ombros, co conseguinte estrés. Unha sanidade galega que dedicase a contratar medicas, enfermeiras, técnicas, auxiliares ou celadoras con contratos por hora ou fin de semana, sen dereito a vacacións, días libres etcétera, sen insumos de diversa índole, como é a falta de material (nas residencias de maiores  están a dar as profesionais, un tapa bocas cirúrxico por día de traballo, cando estas soamente son efectivas catro horas).

Fai uns días Ana Pontón (BNG), líalle a cartilla ao Nuñez Feixoo. Durante case 3 minutos, numeráballe cada unha das residencias privadas co número de mortas nelas debidas a falta de cuidados pola Covid-19 e os porqués de todo isto. Máis o incríbel disto que está a suceder coa Covid-19, é que en vez de aprender dos erros e reforzar con insumos de todo tipo a nosa sanidade, o Sr Nuñez Feixoo, segue coa súa política de destrución de todo os sectores públicos, neste caso desmantelando a sanidade galega.

Porque é indubidábel que o desmantelamento da nosa sanidade pública e universal en beneficio da privada, trouxo consigo que a hora de enfrontarnos a unha crise sanitaria como a que estamos a vivir coa Covid-19 e as que con toda seguridade van vir no futuro, a nosa resposta sexa unha resposta feble, co cal, quen paga o pato disto somos e seremos, a clase traballadora e sobre todo as nosas maiores.
Xa para rematar cómpre que mentres dure esta pandemia e non se atope unha vacina efectiva, as galegas tomemos todas as medidas recomendadas polas profesionais sanitarias para protexernos e deste xeito, intentemos paliar o desleixo e a falta de “interese” do goberno da Xunta de Galiza, en que o dano que suframos pola Covid-19 sexa mínimo. 

Precariedade