Apoiemos aos de sempre

Non so baixar a pasear polo centro de Ferrol habitualmente como o facía vai uns anos, mais cando o fago non paro de sorprenderme (con tristeza) de como cada vez hai máis comercios pechados máis baixos en aluguer e cada vez menos xente nas rúas céntricas de Ferrol sobre todo, xente en idade de formar as súas propias vidas. Antes o Ferrol deserto eran os domingos e festivos. Hoxe en día parece que Ferrol está deserto todos os días. Con todo isto eu preguntome: como poden resistir aínda a maioría dos pequenos comercios que quedan abertos?.
O pequeno comercio, os negocios de toda unha vida, son indicadores fundamentais pra saber se unha cidade, vila ou incluso no rural corre polas súas venas sangue. Ademais os pequenos comercios son os negocios que xeran a maioría dos postos de traballo no sector servizos. Empregos con moita máis calidade i estabilidade que o que ofrecen as grandes superficies comerciais as cales, están a ser unha autentica lacra entre outros motivos dos pequenos burgueses. Soamente o ano pasado pecharon cerca dos mil negocios i este ano, xa van máis de catrocentos pequenos negocios pechados na Galiza. 
Dicía Feixoo vai un par de semanas, que a rapazada de hoxe en día, xa non quería ser funcionario-a Dicía que a mocidade hoxe queren ser emprendedores-as e non se pensen vostedes, que se puxo colorado ao dicir isto. E non me estraña Sr do PP. Co puteados e perdoen a expresión que teñen aos funcionarios-as e as poucas prazas que se ofertan é normal que nun país, onde apenas existe tecido empresarial forte, os mozos e mozas queiran emprender; ou emprender ou emigrar.
Máis o que non conta o PP, é que dos emprendedores-as que afloraron na Galiza desde a crise, cerca do 80% non aguanta máis de dous anos e aproximadamente o 90% cotizan pola base. Porque a saída da crise non vai ser pola toma de medidas individuais. O emprendedor-a sempre foi i é necesario, iso é indudábel. Máis non vai ser este a solución aos problemas da Galiza. Debe ser o estado o que tome cartas no asunto e deixe de ter a Galiza, como fonte exportadora de man de obra barata e materias primas. Compre entre outras medidas máis esta é fulcral, que Galiza teña o seu proprio concerto económico no tema fiscal, ademais de perseguir o fraude. Fraude que no estado español supón, a perdida  cerca de 42 mil millóns de € ao ano, do que son responsábeis nun 70% as grandes corporacións e patrimonios. Os mesmos que están afundir aos pequenos comerciantes. Hai que dicir que desde a chegada de Raxoi ao governo do estado, descubriron se un 60% menos de delitos fiscais e cerca do 80% dos recursos da axencia tributaria pra perseguir o fraude, destinan se a investigar as pequenas empresas, autónomos, asalariados ect... segundo conta o principal sindicato de inspectores da facenda. Cando un lee estes datos é curioso escoitar o PP e a súa marca branca, refírome a Cidadáns, como seguen a presumir de ser os defensores dos pequenos burgueses; volvo a repetir algo curioso.
Mais o problema de Ferrol non so foi esta derradeira crise. Nos xa levabamos máis de 30 anos en crise. Esta última so vino a acrecentar aínda máis o problema. O problema repito foi a mal chamada reconversión industrial e digo mal chamada, porque aquí non se reconverteu nada. O que houbo, foi un desmantelamento do noso principal sector produtivo, que o que está a facer desde entón, é que esta comarca este perdendo xente moza ano tras ano pola falta de expectativas, pola falta de traballo. Isto sumado a unhas políticas propiciadas pola Xunta de Galiza, co beneplácito dos derradeiros governos do Concello de Ferrol, sobre todo os do PP, unhas políticas repito de favorecer a implantación das grandes superficies comerciais é o que está a afundir o pequeno comercio. Un pequeno comercio de Ferrol, que en moitos casos tamén ten que soportar arrendos excesivos xa que, a maioría dos baixos están en mans de catro propietarios que fan moi complicado xunto coas poucas ventas, subsistir e sobre todo, que o que está a facer é que moitas persoas dispostas a poñer un negocio, se vaian a outras zonas da comarca a arriscarse na valente aventura.
Propoñía o BNG de Ferrol fai uns meses, en pleno trauma en Ferrol coa marcha de Zara (non vou entrar a opinar sobre as solucións que daba o alcalde pra que esta multinacional quedase en Ferrol, sen comentarios) propoñía unha batería de medidas bastante acertadas, entre elas penalizar a especulación e sobre todo a peatonalización do centro da cidade. Isto ultimo unha medida a cal, tomouse en moitas cidades de toda a UE máis aquí na Galiza termos o exemplo de Pontevedra. Unha medida repito, que sempre levantou polémica e sempre contou coa oposición dos comerciantes locais. Máis alí onde se levou acabo, ao final todos os detractores quedaron contentos pola súa efectividade xa que aumentou o negocio da maioría dos establecementos. E aínda que é xusto dicir, que o problema fundamental de Ferrol é a falta de mocidade en idade de formar as súas proprias vidas, que é realmente a xente que fai un  consumo produtivo, esta batería de medidas que propón o BNG de Ferrol si viría a diminuír os problemas dos pequenos negocios e incluso axudarían a aumentar o número destes no centro da cidade.
Xa para rematar, dicía Nicolas Sarkozy ao cal non se lle pode acusar de marxista ni incluso de socialdemócrata, nunha reunión de urxencia do G-8 cando estallou a crise,  que era a hora de abandonar aos voitres e volver ao capitalismo produtivo. Palabras boas que non tiveron moito éxito polo que un pode observar, máis o que si que é certo,é que nos os cidadáns podemos facer moito con o noso consumo, facendo deste un consumo responsábel e apoiando aos que verdadeiramente xeran riqueza e non so son simples grandes amasadores de fortuna.
Apoiar ao pequeno comercio so trae vantaxes ( non evaden impostos, dinamizan os barrios, traen máis servizos a estes, crean postos de traballo locais, produtos de máis calidade, modelo económico máis xusto e sostíbel ect...) porque como dicía Galeano “moita xente pequena, en lugares pequenos facendo cousas pequenas poden cambiar o mundo”

Apoiemos aos de sempre

Te puede interesar