Luns 11. Como moitos millóns de españois, o pasado domingo 10N, seguín con todo interese as votacións, as segundas no que vai de ano. O resultado, como estaba previsto, aí o temos, non hai maioría. Hoxe luns, leo no xornal os comentarios, resultados, opinións, culpables, solucións e por riba, a ameaza dunhas terceiras eleccións no próximo 2020. O PSOE (Pedro Sánchez) con 160 deputados segue como primeiro partido, o PP (Pablo Casado) gaña 22 deputados. Destes dous que, dalgún xeito, gañaron as eleccións, co permiso de VOX, pódese dicir que van de vitoria en vitoria ata o desastre final no que xa estamos, (hoxe peor que onte e mellor que mañá). Segundo o xornal, pasamos do bloqueo á ingobernalidade. Agora ven un tempo de negociacións entre os partidos e os seus dirixentes, eses cranios privilexiados que dixo alguén. (Paréceme que o cualificativo, que xa ten anos, pertence a Don Ramón, o das grandes barbas de chibo). Que non lle dean máis voltas, que se deixen de chalaneos, de aritméticas políticas e doutras andrómenas, só hai dúas solucións posibles, a saber:
– Un goberno do PSOE (Pedro) en coalición con UP (Pablo Iglesias), completado para obter a maioría con outros partidos minoritarios, máis de media ducia, ou sexa, un remendo. Un goberno feble, progresista de retales, como lle chamou alguén ao que, dadas as circunstancias, non se lle ve moito futuro ante a oposición implacable dos partidos de dereitas PP, Vox e Cidadáns. Para acadalo, Sánchez ten que deixar de soñar con Iglesias
– A outra, a única ao meu xuízo, é esquecer os datos, as aritméticas e deixar de marear a perdiz. Anque nestes intres semelle unha utopía, á vista das declaracións de uns e outros, so unha gran coalición PSOE-PP pode sacar ao país do desgoberno e do bloqueo no que estamos. Que Don Pedro e Don Pablo e con eles os seus partidos esquezan as diferencias e as xenreiras, que ter as teñen, e miren cara adiante pensando soamente no país e na súa sufrida xente. Ás veces, unha cura de humildade é dabondo para amañar os problemas. A solución é ben sinxela, entre os dous partidos acadarían, sen dúbida, unha indiscutible maioría absoluta con 208 deputados da que sairía un goberno forte. Estou seguro de que moitos millóns de españois avogarían por este goberno para combater a crise económica e o desafío separatista. Como xa dixen outrora, é necesario e urxente. Só fai falta un pouco de coherencia, aplicar moito sentido común e unha gran dose de xenerosidade por parte de ambas formacións. Tamén aquí para acadar a coalición o sr. Casado, ten que perderlle o medo a Vox.
Si aínda asi non se consegue formar goberno, queda ben claro que chegou a hora de cambiar estes protagonistas por outros menos ambiciosos, máis valentes e con maior capacidade de xestión.
Martes 12. Ás dúas da tarde, de xeito sorprendente, comparecen no Congreso Pedro Sánchez e Pablo Iglesias anunciando un pre-acordo, para formar un goberno de coalición. Anque non modifico nin un ápice o manifestado máis arriba, desexo a ámbolos dous e ao goberno resultante moito éxito pensando sobre todo no que é mellor para o país. Esperemos agora a reacción da oposición que, desgraciadamente, a cousa non acaba aquí. ¡Que Deus nos colla confesados!