SINDICATO E PARTIDO DE CLASE

O Día Internacional da Clase Traballadora sempre é unha data axeitada para a conmemoración, mais tamén para a lembranza da súa histórica loita a prol da mellora das condicións laborais e distribución da riqueza e do traballo, así como para reflexionar sobre os retos que se presentan para o mundo do traballo no futuro, que son moitos.
Resulta evidente que o sindicalismo, tradicionalmente adscrito á “socialdemocracia” e ao “eurocomunismo”, abandonou toda expectativa de transformación social, e mesmo é incapaz de defender as conquistas de pasadas décadas. As mobilizacións que realiza son forzadas, carentes de obxectivos estratéxicos, folla de ruta e dunha política de alianzas para acadar a maior complicidade social posíbel e fracturar as clases dominantes. Unha eiva que limita a resposta da clase traballadora, xa que estas centrais aínda teñen un peso evidente no noso país, e ademais a unidade (tan mitificada) ten un efecto multiplicador.
Evidentemente hai un sindicalismo combativo, que amosa decote nas empresas e na rúa que non desiste de mudar a correlación de forzas e frear o proceso de destrución do tecido produtivo e do emprego, e de desregulación das condicións laborais. Mais, confronta nunha situación de desvantaxe. Por unha banda, choca unha e outra vez contra a oposición das centrais sistémicas a realizar campañas que se manteñan no tempo, nas que se utilice a máxima presión posíbel (por exemplo a folga xeral), para frear as políticas regresivas da dereita e obrigala a facer concesións.
Por outro lado, como este é un conflito longo, de guerra de posicións diría Gramsci, cómpren moitos cadros e activistas moi ben formados e un aparello de comunicación eficiente e á altura desta etapa histórica.
Só dando resposta a estas eivas o sindicalismo nacionalista poderá mudar a correlación de forzas, e a praxe terá máis valor engadido que a simple práctica. Para desenvolver axeitadamente todas estas tarefas a clase traballadora contou historicamente coa complicidade e iniciativa dos partidos de clase. Unha asociación estratéxica entre sindicato e partido que segue sendo fundamental para superar o economicismo.

SINDICATO E PARTIDO DE CLASE

Te puede interesar