PARA OS DESPREOCUPADOS E OS INDIFERENTES

Nin sequer tiven que abrir o xornal para velo. Está na portada: Bruxelas quere que máis familias galegas queden no desemprego ao obrigar ao novo dono de Novagalicia a seguir coa folla de ruta ultraliberal da Comisión Europea e deixar na rúa a 1.000 persoas en dous anos.
E vendo este titular, que marca como perdimos a nosa soberanía e como, aqueles que falsamente falan de libre mercado, interveñen a nosa economía, a nosa vida laboral...todo por mor do rescate bancario, da débeda ilexítima que abafa o noso horizonte...vendo isto, repito, como é posible que a apatía, a indiferenza, a despreocupación sexan a tónica nas enquisas para as Eleccións Europeas. Como é posible non indignarse e dicir, cando menos, “a estes malnacidos non lles vou permitir gobernar”.
Nun recente libro, o filósofo croata Horvat e o filósofo esloveno Žižek deixan en El sur pide la palabra. El futuro de una Europa en crisis, con prólogo de Alexis Tsipras, candidato do Partido da Esquerda Europea para a Comisión Europea, numerosas probas e argumentos para vencer o discurso da apatía e da indiferenza se é que as probas cotiás que poboan a nosa existencia son insuficientes.
Voume permitir facer un relato cruzado a través do artigo de Horvat, “Guerra y Paz en Europa: Bei den Sorglosen” (pp. 105-117), onde o croata recupera o título dun artigo conmovedor de Stefan Sweig, escrito en 1918, cando o escritor relata como os cidadáns de Sorglosen (Despreocupados), disfrutan dunha vida de luxo e ao aire libre nos Alpes de Saint Moritz: “[Mentres] Europa se esborralla, aquí a orquesta de xitanos toca o violín, e morren cada día dez mil persoas”.
Hoxe, analoxía, óllase para outro lado mentres morre a xente. E máis que acontecerá se prevalecen a apatía, a indiferenza e a despreocupación, e a dereita (tanto ten se é socialdemocracia ou dereita, xa que aquela non representa á esquerda real... ou acaso  primeiro ministro francés é de esquerdas?) e a extrema dereita se apoderan das institucións europeas e da posibilidade de condicionar a vida de toda a cidadanía europea co seu discurso de xenreira, de odio, de xenofobia, de confrontación que se uniría, non nos enganemos a unha praxe económica igualmente capitalista.
Entre o 1 de xaneiro de 1993 e o 30 de maio de 2012 a “Fortaleza Europa” causou 16.175 mortes. Estas son as documentadas coa data exacta, co nome, co país de orixe e coa causa de morte. Mais son milleiros as mortes de persoas non documentadas.
Ás primeiras deberíamos engadir as acontecidas en Lampedusa e en Ceuta e Melilla. Rechamantes todas. Todas deberan removernos, provocar a nosa aldraxe. E querer mudar o signo dos tempos. Todas doen. Como a desa muller de Burundi, que se suicidou en Holanda porque temia que a deportaran xunto cos seus dous fillos. Ou a desa muller palestina de vinte anos que se suicidou nun cárcere de Berlín cando lle comunicaron que ía ser deportada.
Como podemos vivir con “normalidade” estas situacións? Stefan Sweig non era quen de soportar esa indiferenza... a mesma que permitiu que un monstro como Hitler se apoderase das institucións xermanas. A mesma que permitiu que o sanguinario Franco morrese no seu leito coa tranquilidade de deixar “atado” o futuro da súa España.
Horvat pregúntase: “Non podería dicirse de nós que somos die Sorglosen, os despreocupados que falamos da Europa unida a pesar de que segue habendo cada día nos nosos países unha guerra (política, social, económica), como a guerra que libran os inmigrantes que morren afogados nas nosas praias; como esoutra guerra que libran quen sobreviven nos peores recunchos das nosas cidades, neses países da periferia como Grecia e Portugal, onde máis do 50% dos mozos non teñen emprego [coma aquí, engadiríamos nós] (p. 116)”
Eis o contexto. Unha guerra de fronteiras: unhas interiores, onde, debidamente alienada, a sociedade acepta a desigualdade e o empobrecemento como novos paradigmas, outras exteriores, onde a sociedade asiste, de forma directa pero distanciada, á morte de seres humanos. Horvat fala mesmo de “guerra civil permanente”, dentro é fóra. E nesa guerra hai milleiros de vítimas en nome da austeridade e dos recortes estruturais.
Gramsci, o 11 de febreiro de 1917, escribía o seguinte: “Quen realmente vive non pode non ser cidadán, non tomar partido.  Indiferenza é apatía, é parasitismo, é covardía, non é vida”.  O 25 de maio cómpre mudar este sendeiro destrutivo. Cómpre vencer a apatía, a indiferenza e demostrar que somos unha sociedade preocupada e que queremos futuro. Que queremos vivir en paz e con dignidade.

PARA OS DESPREOCUPADOS E OS INDIFERENTES

Te puede interesar